Concello, CEO, e London Business activan o programa ‘Erasmus+’, que formará en economía social a 50 mozos de Ourense e da Gran Bretaña

Vintecinco mozos ourensáns e outros tantos británicos beneficiaranse do programa de mobilidade “Erasmus +” de economía social. A concelleira de Xuventude do Concello de Ourense, Sofía Godoy, e representantes da Confederación Empresarial de Ourense, do London Business Partnership Limited, socio do Concello neste proxecto, e a empresa Eosa, encargada da xestión, participaron esta mañá nunha xuntanza de traballo na CEO para avanzar na planificación das accións que se desenvolverán ao abeiro desta iniciativa: o proxecto “Social Enterpreneurship for Younger´s Emporwerment”, presentado polo Concello de Ourense ao programa Erasmus+ na liña KA1, de Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe: Intercambios Xuvenís”.

O obxectivo que se persegue é preparar 50 mozos/as (25 ourensáns e outros tantos británicos) nun programa de capacitación para crear empresas de economía social. Noutras palabras, coñecer a cultura empresarial de Ourense no eido social e compartir ideas coa mocidade ourensá para desenvolvelas, posteriormente, no Reino Unido.

Os intercambios pretenden proporcionarlles aos mozos participantes as habilidades necesarias para poñer en marcha o seu propio negocio como vía alternativa á busca de emprego. Ao mesmo tempo, as competencias adquiridas debe servir para transformar a súa conciencia social nunha empresa social. Desta forma, preténdese axudar os mozos cualificados á creación de empresas de economía social, a fin de satisfacer as necesidades non atendidas da poboación carente.

Do mesmo xeito, cubrir o desaxuste horizontal existente entre a educación das persoas máis novas que completaron a súa formación superior e as súas competencias en materia de emprendemento. E, de forma transversal, proporcionarlles aos participantes unha experiencia multicultural no estranxeiro.