Deputación e CEO renovan o convenio para potenciar a internacionalización de empresas de Ourense

O acordo de colaboración, asinado hoxe por Manuel Baltar e José Manuel Pérez Canal, ten como obxectivo impulsar a presenza internacional das empresas ourensás e a mellora da competitividade, ademais de contribuír a estimular a economía e a xeración de emprego

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, asinaron hoxe na sede da organización empresarial o convenio de colaboración entre ámbalas dúas institucións para desenvolver un Plan de aceleración e reforzo intelixente para a internacionalización das empresas ourensás, no marco da iniciativa ExportOU. O plan ten como obxectivo impulsar a presenza internacional das empresas ourensás e a mellora da competitividade, ademais de contribuír a estimular a economía e a xeración de emprego. A institución provincial destina no seu orzamento para a execución das accións descritas neste acordo un total de 100.000 euros.

 

Para levalo a cabo poñeranse en marchas programas de acompañamento para as empresas que queiran comezar o proceso de exportación, ou para aquelas que necesiten mellorar a súa identidade dixital e o seu posicionamento no exterior. Tamén se organizarán accións promocionais, eventos e seminarios sobre mercados internacionais, entrevistas con expertos e prescriptores internacionais, e accións informativas e formativas prácticas, centradas nos casos das propias empresas asistentes.

 

Paralelamente, a Oficina virtual de apoio á internacionalización levará a cabo o mantemento e melloras da plataforma ExportOU e incorporará novos idiomas na sección “Made in Ourense”, destinada a galería de produtos, servizos e directorio de empresas ourensás exportadoras. Neste apartado, haberá tamén unha nova sección de “Feiras virtuais”, unha plataforma de encontro entre empresas ourensás e estranxeiras para promover encontros empresariais e misións inversas. Así mesmo desenvolveranse campañas de marketing online e offline.

 

Finalmente, porase en marcha un Servicio de Intelixencia Competitiva (SIC), que permitirá analizar información sobre os sectores de actividade, industrias e competidores para achegar valor estratéxico as empresas de Ourense, adiantándolles posibles escenarios futuro que lles permitan anticiparse e tomar decisións tácticas no presente.

 

Manuel Baltar afirma que a colaboración entre Deputación de Ourense e CEO “ten a finalidade de seguir impulsando medidas para favorecer a apertura de mercados internacionais para as empresas da provincia de Ourense, para o cal desenvolvemos plataformas e ferramentas de análise que permiten ás empresas un mellor coñecemento dos diferentes sectores de actividade económica e favorecen a planificación das políticas públicas de ámbito socio-económico que impulsamos desde a Deputación de Ourense”.

Pérez Canal, pola sua banda, suliñou os excelentes resultados aportados pola primeira edición do programa ExportOU, “que nos reafirma na idoneidade da iniciativa, así como na necesidade de darlle continuidade”. “É evidente –engadiu- que  alianza entre a Deputación e a CEO aportará importantes beneficios para o tecido empresarial e, por elo, para a sociedade ourensá”.

O presidente da CEO non quixo deixar pasar a ocasión para sinalar que “a aportación das misións inversas organizaas tanto pola CEO como pola Deputación nos dous últimos anos deron lugar a 287 encontros con empresarios de toda a provincia repartidos en 165 visitas a empresas e 122 reunións de negocios con prescriptores, axentes, importadores e distribuidores estranxeiros procedentes de Europa, América e Asia”.