Hoxe venres 9 de marzo tivo lugar a presentación da nova peza teatral de Metátese Teatro “Un planeta literario máxico”, que se representará o próximo 15 de marzo no Teatro Principal de Ourense. No acto interviñeron Afonso García Penas, director de Metátese Teatro, e Yudit González Núñez, Coordinadora da Fundación Meniños en Ourense.
Os beneficios da función, representada por alumnos, alumnas e docentes de varios centros educativos galegos, destinaranse aos programas de protección da infancia que desenvolve a ONG Fundación Meniños.
Cada ano, Ourense acolle a representación teatral solidaria coa Fundación Meniños que organiza Metátese Teatro, coa colaboración do Teatro Principal e a Fundación CEO e que se convertiu xa nunha cita tradicional cos espectadores aficionados ó teatro. Trátase dun espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano a través de valores como o diálogo, a tolerancia, a paz, a humildade e o respecto.
Nesta ocasión, a peza que se representará leva por título “Un planeta literario máxico”. Esta obra faranos viaxar ao universo da imaxinación, da diversión e do xogo para abrir unha fiestra á fantasía e gozar da maxia da creatividade.
Este traballo de máis cen actores e actrices amosa, tamén, o valor da lectura como elemento esencial na formación de persoas equilibradas emocionalmente, autónomas e libres; pon de manifesto a relevancia da empatía con aqueles que sofren para habitar na auténtica esencia do ser humano e reivindica o valor do desenvolvemento de proxectos educativos colectivos. Precisamente un grupo dos xóvenes actores fixeron unha pequena demostración artística para invitar ao público ourensán a presenciar a posta en escea.
A representación terá lugar o próximo 15 de marzo no Teatro Principal de Ourense.
A primeira sesión, ás 12:00, está destinada a escolares. A segunda representación desenvolverase ás 20:30 para o público xeral.
O prezo das entradas será de 2 euros. Os cartos recadados destinaranse á Fundación Meniños, que desenvolve programas de atención familiar e sensibilización. A ONG entregará material informativo aos asistentes á representación para que poidan coñecer máis polo miúdo o traballo que realiza.
A Fundación Meniños
Fundación Meniños é unha organización non lucrativa comprometida coa protección e defensa dos dereitos da infancia. Levamos a cabo tanto programas de intervención directa con nenos e nenas en situación de desprotección coma de investigación, destinados á mellora destas actuacións. Asemade, desenvolvemos proxectos e educativos e sensibilización que promoven unha cultura de bo trato á infancia e á adolescencia na nosa sociedade.