Previsel ofrece 45 actividades formativas para consolidar a cultura da prevención na sociedade galega

Ofrecer formación especializada para consolidar a cultura da prevención tanto nas empresas como na sociedade en xeral. Este será un dos obxectivos da 13ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense os días 11 e 12 de abril que presenta un completo programa con 45 actividades nas que se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, os traballos en altura, laboratorio ou forzas de seguridade, entre outros. Esta cita consolídase así como o marco elixido por distintas entidades para impartir formación neste eido.

Previsel 2018 foi presentado esta mañá na delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense coa presenza da delegada territorial, Marisol Díaz; do vicepresidente da CEO, José Manuel Díaz; do director do ISSGA en Ourense, Ángel López, e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Todos eles destacaron a relevancia deste salón como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención: administración, patronal, sindicatos, mutuas, colexios profesionais ou servizos de emerxencias entre outros.

O  vicepresidente da CEO destacou o compromiso da institución que representa coa prevención e a seguridade no traballo, abogando “pola profundización nese eido para poder estender coa axuda de todos a cultura da prevención, polos beneficios que comporta, tanto persoais como profesionais no mundo empresarial”.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

ACTUALIDADE

Previsel realizará actuacións para sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades. Abordará temas de plena actualidade como os efectos na saúde do Gas Radón sobre o que se realizarán dúas actividades. A primeira delas será unha xornada formativa organizada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e que leva por título “Gas Radón: o perigo invisible. Marco lexislativo e aplicación práctica”. Esta actividade completarase coa mesa redonda “A prevención de riscos para a saúde. Calidade do aire no ámbito laboral” na que participará o recoñecido profesor na materia Alberto Ruano, membro do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemoloxía e Saúde Pública (CIBERESP). Acompañarano nesta mesa representantes do Colexio de Arquitectos de Galicia, do ISSGA, da U.X.T. e de Comisións Obreiras.

A prevención dos riscos dos traballos en altura será outro dos temas que centren varias das actividades de Previsel 2018. A primeira delas será o obradoiro teórico e práctico impartido polo ISSGA durante a primeira xornada do salón e durante a que se exporán exemplos de accidentes por caída en altura sucedidos en empresas galegas.

Outros dos temas de actualidade que se abordarán nesta cita será a loita contra a avespa asiática; a prevención da violencia de xénero; as enfermidades profesionais; o obradoiro sobre armas non letais dirixidas aos corpos de seguridade; a seguridade cidadá en incendios forestais ou o simulacro sobre excarcelación en accidentes de tráfico organizado polos Bombeiros da Deputación de Ourense co apoio da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas.

XORNADAS E OBRADOIROS

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, dá como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades moi especializadas, baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles. Este programa foi elaborado por Administración, empresarios, sindicatos, mutuas e colexios profesionais.

Ademais dos xa mencionado sobre traballo en altura, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, impartirá o xoves 12 outro obradoiro dirixido aos traballadores en laboratorios no que explicarán o manual de seguridade para estes profesionais.

Outra das entidades que colabora con Previsel dende o seu comezo é a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, que nesta ocasión organiza unha xornada sobre “Industria 4.0 e Prevención de Trastornos Músculo-Esqueléticos” que estará impartido polo director técnico de Biomecánica Laboral de Umana, Xavier Alfonso Cornes.

Previsel é tamén o lugar elixido por APETAMCOR (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías) para impartir dous cursos de manexo preventivo, un de carreta elevadora e outro de plataforma elevadora. Por outro lado, este salón tamén será aproveitado pola mutua FREMAP para presentar os incentivos que reciben as empresa que cumpren cos índices de sinistralidade.

A prevención na edificación volverá ser un dos temas abordados en Previsel por profesionais dos colexios de Arquitectos, Aparelladores e Enxeñeiros Técnicos Industriais que estarán acompañados por outros relatores de Comisións Obreiras e por Bombeiros de Ourense.

Pola súa parte, TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, volve organizar un completo programa de actividades. Este programa inclúe unha vintena de conferencias e obradoiros dirixidos na súa meirande parte a persoal sanitario e asistencial como é o caso dos cursos de IMV (Incidentes con Múltiples Víctimas), de defensa persoal ou de politrauma e extricación, entre outros que requiren de protocolos específicos cara a prevención de riscos.

Entre as actividades permanentes destacan as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella. Os obradoiros sobre manexo de extintores que ofrece Protección Civil de Barbadás ou os consellos antiobesidade e antibaquismo da Consellería de Sanidade e cos que colabora a Escola Universitaria de Enfermería de Ourense. Durante toda a xornada do mércores poderase visitar tamén o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA.

O programa de Xornadas Técnicas conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.

A inauguración oficial será o mércores 11 ás 11.30 h e estará presidida pola secretaria xeral para o Emprego, Covadonga Toca, e a clausura será o xoves ás 13.30 e nela participará o director xeral de Emerxencias, Luis Menor. O horario de apertura do salón será o mércores 11 de abril de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. e o día 12 de 10.00 a 14.00 h.