Fomento confirma as inversións para o AVE galego e Feijóo salienta que a nova conexión ferroviaria Lugo-Ourense proba a aposta pola vertebración interior de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou en Lugo que a nova conexión ferroviaria que comeza a desenvolverse entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, a través dunha folla de ruta coñecida en detalle nunha reunión co ministro de Fomento, Iñigo de la Serna, celebrada na capital luguesa, “que reflicte o compromiso real, con prazos e con orzamentos concretos, coa chegada da alta velocidade ferroviaria á Galicia interior, a través dun investimento de máis de 1.000 millóns de euros”.

“Estamos a falar dunha completa planificación que acredita a realidade con proxectos tecnicamente definidos e obras valoradas e recollidas en orzamentos que aseguran a súa viabilidade máis alá do papel”, aseverou. É sobre todo un compromiso palpable, un tren en marcha que circula xa a través da variante da Pobra de San Xiao de Láncara e que supón o pistoletazo de saída á renovación da liña de ferrocarril entre Lugo e Ourense, explicou, engadindo que esta actuación incidirá na comodidade, na velocidade dos percorridos e na seguridade, coa eliminación dos pasos a nivel.
E confirma, ademais, a vontade de mellorar a conexión con Madrid que comezou xa cun incremento de frecuencias entre Lugo e a capital de España que se traduciu nun aumento de viaxeiros de case do 40%.

Durante a presentación da conexión ferroviaria, Feijóo incidiu en que estender ata a provincia e a cidade de Lugo os beneficios do AVE, a través dunha liña actual e competitiva supón, tamén, un novo paso no obxectivo da cohesión territorial da Galicia interior.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que con ese obxectivo da Galicia global, “tan unida por dentro ben conectada por fóra”, os gobernos central e galego están a traballar conxuntamente para impulsar melloras na rede viaria interior; un conxunto de actuacións que certifican un compromiso coas comunicacións que debe continuar para garantir unha óptima conexión entre Ourense e Lugo tamén por estrada, como acontecerá coas actuacións anunciadas na estrada N-540.

Pouco despois, o ministro de Fomento e o presidente da Xunta trasladáronse a Ourense, onde presidiron un acto no que se presentou un selo conmemorativo do centenario da Ponte Nova, celebrado no salón de plenos do concello, ateigado de autoridades e persoalidades, no que a CEO estivo representada polos seus vicepresidentes Alejandro Cruz e José Manuel Díaz Barreiros.
O selo terá unha tirada de 180.000 exemplares con un valor de 1,35 euros e que estará en venda dende o 11 de maio até o 31 de decembro de 2020. Durante a presentación o alcalde Jesús Vázquez salientou que “vai ser unha pequena fiestra para que a xente de todo o mundo poida descubrir as “marabillas” da cidade e que vai “ser obxecto do desexo dos coleccionistas”.
O ministro de Fomento destacou que a aposta do Goberno central por Ourense, xa que os Presupostos do Estado confirman que “é a segunda provincia en gasto por abitante”, e confirmou as inversións estatais para a chegada da Alta Velocidade á capital. Tamén salientou a aposta do concello e da Xunta pola
Estación Intermodal e por novas infraestruturas viarias entorno a capital.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu os compromisos do ministerio de Fomento coa cidade de Ourense e a provincia e referiuse a Ponte Nova como “símbolo do espírito aberto da cidade” e do carácter ourensán “que aposta por unir e chegar a acordos”. “Hoxe é un bo día en Ourense, porque o ministro non ven só presentar un selo, senon comprometer de forma solemne a conexión da cidade con Lugo e a Meseta. Nunca un selo de Correos trouxo tanto diñeiro”.