- Prevención 55+: retos para a PRL do envellecemento das persoas traballadoras.
- Prevención 55+: riscos ergonómicos.
- Prevención 55+: riscos psicosociais.
- Prevención 55+: riscos hixiénicos e de seguridade.
Como se recolle na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, un dos principios fundamentais de carácter transversal é abordar os riscos laborais integrando a diversidade na PRL, independentemente das características individuais das persoas, para garantir a igualdade na seguridade e saúde no traballo e como estratexia efectiva para mellorala. Isto implica considerar as diferencias fisiolóxicas da poboación traballadora de máis de 55 anos. De feito a Estratexia fai fincapé na importancia de poñer en marcha actuacións e medidas específicas ante os riscos derivados do envellecemento da poboación traballadora e a necesidade de incorporar o factor idade na xestión preventiva e o reforzo da protección, sobre todo fronte aos riscos psicosociais e o riscos ergonómicos.
España e sobre todo Galicia conta cunha poboación cada vez máis envellecida e que aumenta paulatinamente co paso dos anos. Este proceso de envellecemento vese reflectido tamén no entorno laboral, no que as persoas traballadoras cunha idade maior vai en aumento. A isto hai que sumarlle tamén o retraso na idade de xubilación que se ven implantando gradualmente desde hai máis de dez anos como estratexia laboral, co fin de poder facer fronte ás pensións.
Dado que as persoas traballadoras son cada vez máis maiores e traballan durante máis tempo, a xestión da seguridade e saúde no traballo para unha man de obra de idade cada vez máis avanzada é unha prioridade e faise necesario unha nova orientación na xestión da prevención de riscos laborais no ámbito laboral: ter en conta o factor idade.
Os traballadores/as de máis de 55 anos soen ter unha maior exposición aos riscos ergonómicos, psicosociais e hixiénicos e de seguridade debido a unha paulatina redución das súas capacidades e facultades físicas, cognitivas e/ou sensoriais e/ou estado de saúde por mor da idade. Ademais cometen imprudencias ou teñen sobreconfianza polos seus anos de experiencia, perden autoestima, determinadas condicións laborais poden resultar máis agresivas para este grupo de idade (esforzos físicos, quendas de traballo…), etc. e isto hai que telo en conta na xestión destes e outros riscos.
A través destes audiovisuais trátase de identificar os factores de risco aos que están expostas as persoas traballadoras maiores de 55 anos, polas peculiaridades ás que están sometidas por causa da súa idade e envellecemento, e presentaranse unha serie de medidas preventivas para xestionalos.