A Axencia Galega de Innovación e o Igape fan avance na CEO das axudas para 2023

  • Técnicos de Gain e Igape adiantaron o contido das axudas destes organismos para o ano que vén
  • Dixitalización, innovación, economía circular e internacionalización son os principais eixes deste mapa de axudas
  • As dúas sesións congregaron fronte a pantalla a máis dun centenar de interesados en coñecer o avance destas liñas
  • O presidente do colectivo autónomo ourensán, David Martínez, presentou a aplicación informática ServiAutónomo para dixitalizar a xestión económica de autónomos e pemes

Ourense, 28 de outubro, 2022_ Estas xornadas para repasar as axudas dos organismos autonómicos dependentes da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación serviron para adiantar os termos principais do mapa de apoios para o 2023 e manter ao tecido empresarial ao tanto dos apoios que terán continuidade e as novas liñas de actuación destes  organismos. A oficina Conecta Ourense da CEO encargouse da organización dos eventos informativos, e ademais ten unha labor de acompañamentos, asesoramento e apoio para orientar ás empresas coas súas solicitudes destas axudas.

Axencia Galega de Innovación

Nun primeiro lugar, a relatora de Gain repasou las liñas de apoio habituais da axencia facendo especial fincapé nas novidades que presentan para 2023, un mapa de apoios perfilado nestes días e que pretende a simplificación dos procesos para presentar as solicitudes e apoiar con asesoramento como obxectivos principais. Na xornada presentáronse convocatorias de nova creación como ‘Integra’ que aposta pola mellora de infraestruturas de centros tecnolóxicos e fortalecer as súas capacidades, ou as novas ‘Misións RIS3’, que financian grandes programas cooperativos de temáticas concretas e prioritarias para Galicia. A axencia continuará con liñas de recoñecida traxectoria como Innova Peme e Deseña Peme, e tamén terá continuidade o Programa Ignicia, que apoia o coñecemento de  organismos de investigación, ou o xa coñecido Conecta Peme, para financiar proxectos de I+D+i de pemes e facilitar a cooperación entre empresas e axentes do ecosistema. Outro apunte da relatora foi que se consolidan os Bonos de Innovación, programa piloto lanzado neste ano con gran aceptación e que terá continuidade e, no apartado de aceleradoras a técnica de Gain resaltó que nace unha nova liña dedicada á biotecnioloxía para consolidar este campo no tecido empresarial galego. Desde a axencia tamén repasaron as axudas á contratación de persoal de ata 30 anos para actividades de I+D+i con perfís non só de investigadores senón tamén xestores da innovación ou técnicos de innovación entre outros.

Antes de rematar, a relatora de Gain incidiu na preparación das axudas acudindo aos servizos de asesoramento da propia axencia e tamén de Conecta Ourense, a oficina da CEO da que resaltou o seu bo asesoramento na presentación das solicitudes de empresas.

Instituto Galego de Promoción Económica

Por parte do Igape o técnico responsable lembrou as liñas deste instituto máis salientables e lembrou que  os programas vinculados ao emprendemento e que agora responden ao nome de Xempre Emprendemento, foron transferidos á consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

No eido da competitividade explicou as liñas correspondentes ao programa Reacciona, á Industria 4.0, os obradoiros de dixitalización e economía circular,  na que destacou una nova liña para promover modelos de negocio circulares cumprindo coa regra das 3 erres: Reducir, Reutilizar e Reciclar, isto é, a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento de residuos.

Os apoios de Galicia Inviste, as liñas no eido do financiamento ou as distintas axudas á internacionalización completaron este repaso por parte do Igape, un organismo que o próximo xaneiro cumprirá 30 anos desde a súa creación.

ServiAutónomo, aplicación gratuita para a xestión empresarial

David Martínez, presidente da Asociación Empresarial de Profesionais Autónomos de Ourense, fixo a presentación de ServiAutónomo, o primeiro gran directorio dixital de provedores de servizos, que reúne aos autónomos de España, tanto os individuais como os autónomos societarios e pemes, nun espazo que funciona como un súper buscador. Esta plataforma convértese nunha solución que conecta de forma fácil e rápida a aqueles que buscan satisfacer necesidades de produtos e servizos, cos profesionais que os ofrecen preto da súa localización.

A plataforma permite que o autónomo desde o seu móbil poida elaborar facturas, realizar control de operacións, comunicación cos clientes, axenda de citas e gozar dun espazo web propio para publicar os seus produtos ou servizos na internet de forma totalmente gratuíta. O demandante de servizos que entra na plataforma pode buscar profesionais, empresas ou produtos, e o autónomo conta cunha gran función operativa que é a oficina virtual, na que ten acceso á súa inforamación e ferramentas para elaborar, modificar e emitir albarás ou facturas desde o teléfono e poder envialas en formato PDF. Ademais, tamén permite dispoñer de toda a información que o usuario autónomo necesite ter na súa área privada para poder utilizala en calquera momento e lugar, desagregada e dixitalizada.

Outras prestacións que inclúe para o autónomo é o apartado de subvencións, servizos xurídicos, axenda, formación, ou mesmo un TPV a través dunha billeteira virtual coa que poderá realizar cobros facilmente aos seus clientes. Ademais, conta cun networking virtual a través do que o propio autónomo pode localizar outros profesionais do seu sector, pero distintas áreas, para que poidan complementar entre eles os servizos prestados en colaboracións puntuais, incrementando así a posibilidade de negocio.

Martínez destacou que este programa cumpre coa Lei de Protección de Datos e conta con sistemas de protección contra hackers de calquera tipo, para seguridade plena do usuario. Un completo titorial na propia páxina web permite ao autónomo aprender o seu fácil manexo en cinco minutos.