A CEO acolleu o arranque de Ultreia Galicia, evento para impulsar o emprendemento e a xeración de riqueza en todo o territorio galego

  • O evento de hoxe estivo organizado pola CEO en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense e promovido pola Xunta de Galicia
  • O obxectivo principal é impulsar o emprendemento galego e a innovación a través deste evento creando sinerxías e atopando solucións conxuntas co apoio da innovación, facendo fincapé tamén no retorno e na remuda de negocios como os comerciais a través da Rede de polos de emprendemento
  • José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración; Marisol Nóvoa, presidenta da CEO e Marta Nóvoa, vicepresidenta da Deputación, foron os encargados da inauguración de hoxe
  • A presentación de Ultreia terá continuidade nas entidades empresariais de Lugo, Pontevedra e A Coruña na vindeira semana

Ourense, 18 de setembro do 2024 || A CEO acolleu hoxe a inauguración do primeiro evento celebrado no marco do programa  “Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente”. Esta iniciativa, que está financiada pola Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, conta a nivel galego coa implicación de 240 axentes do ecosistema emprendedor, máis de 160 startups, 40 empresas tractoras e a exposición de 16 casos de éxito. Hoxe deu comezo a primeira xornada que contou con dous bloques diferenciados celebrados simultaneamente: o Campus Startups, na sede da CEO, e as mesas de traballo Retos e Solucións para un territorio intelixente, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa e a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, realizaron a apertura do primeiro dos encontros do programa Ultreia Galicia Rexión Emprendedora, retos e solucións para un territorio intelixente, financiado pola Unión Europea, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Marisol Nóvoa deu a benvida a autoridades e público destacando a sintonía do obxectivo do encontro co papel fundamental da CEO desde o seu nacemento: o impulso do ecosistema empresarial; e facendo fincapé na ‘importancia da  colaboración público-privada no éxito de iniciativas como a de hoxe para xerar un entorno propicio para o emprendemento no que as ideas poidan transformarse en empresas que perduren’.  

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación de Ourense, entidade colaboradora do evento, salientou o compromiso do organismo provincial co emprendemento a través de distintas iniciativas como EmprendOU, Reactiva Ourense ou Acelera Pyme, e defendeu por parte das administracións a implantación de ‘políticas públicas que propicien o desenvolvemento empresarial nos nosos territorios e, polo tanto, que contribúan á xeración de riqueza e creación de emprego’. 

Na súa intervención, o conselleiro salientou que  ‘Ultreia nace co obxectivo de incentivar ás persoas e entidades emprendedoras a acadar o propósito de impulsar o seu camiño, xerando sinerxías e identificando retos con solucións conxuntas’ igualmente, José González fixo fincapé en que a convocatoria deste proxecto está aberta a todos os emprendementos innovadores con visión de futuro que procuren proxección, mentorización e financiamento. 

Campus Startups e mesas de traballo para un territorio intelixente

A xornada dividiuse en dous bloques de contido que se desenvolveron simultaneamente entre a sede da CEO e o Centro Cultural Marcos Valcárcel. Un deles foi o Campus Startups no que se pretendía identificar e mapear as empresas de recente creación e outras iniciativas emprendedoras innovadoras co fin de darlles soporte para a busca de financiamento. Trala conferencia inicial de Domènec Biosca, recoñecido consultor empresarial considerado como un dos xestores turísticos máis prestixiosos de España, sucedéronse na sede da CEO as presentacións dos proxectos entre os que o xurado seleccionará aos finalistas que participarán -xunto cos escollidos nas outras provincias-, no Foro de Investimento Ultreia Galicia organizado pola CEG. Neste apartado tamén houbo tempo para coñecer casos de éxito nos eidos dixital e industrial, así como no rural e no turismo, sector vitivinícola e gastronómico da man dos responsables de Redegal -Jorge Vázquez-, Formato Verde -Marcos Jorge-, Bodegas Valdavia -Alberto Úbeda- e Piel Natura -Juan Carlos Pastor-. 
 
No transcurso da xornada tamén se falou de innovación e da posibilidade de diversificar investindo en startups, abordouse a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o Plan Remuda, habilitado no seu seo para evitar que pechen negocios rendibles e vertebradores do territorio, así como da Estratexia Retorna para impulsar -entre outros- o emprendemento protagonizado polos galegos do exterior que volven para establecerse na Comunidade. 

O programa previsto no centro Marcos Valcárcel desenvolveuse en formato de mesas redondas para abordar os Retos e solucións para un territorio intelixente. Os obxectivos destas sesións eran identificar os sectores estratéxicos da provincia e os seus retos, abordar as súas cuestións clave, determinar as empresas tractoras de cada un deles e mapear os axentes do ecosistema empresarial da provincia implicados no se desenvolvemento. Esta parte contou con seis mesas nas que empresas ourensás debateron sobre os retos que teñen por diante os sectores agroalimentario; téxtil, termal e turístico; pizarra, granito e madeira, industria da automoción e auxiliares e por último, o da tecnoloxía, ciberseguridade e intelixencia artificial. 

O programa Ultreia Galicia está ideado para contribuir a reforzar a actividade da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e o mapa de emprendemento da Xunta -medidas que levaron a Galicia a obter por parte da Unión Europea o recoñecemento de Rexión Emprenderora Europea- así como a dinamizar as startups galegas co obxectivo primordial de dinamizar e de vertebrar o conxunto do territorio, ao tempo que se fixa poboación especialmente nas contornas rurais. 

Na vindeira semana, as demais confederacións empresariais celebrarán a réplica provincial deste evento, que e culminará nun último encontro a nivel galego co obxecto de que proxectos innovadores consigan financiamento. Os días 24, 25 e 26 de setembro será o turno de A Coruña, Pontevedra e Lugo respectivamente, mentres que o evento final terá lugar en Santiago nunha data por determinar. 

Na clausura do evento de hoxe participou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, acompañada de Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, quen salientou o bo inicio deste proxecto e agradeceu a tódolos participantes a súa achega e colaboración para avanzar no ecosistema emprendedor ourensán.