- O programa, que busca impulsar a innovación nas empresas ourensás, celebrou catro obradoiros prácticos nos que participaron 13 empresas
- As pemes participantes pertencen a sectores que van desde a alimentación á formación, pasando por enerxía ou artes gráficas
- Na sesión de peche, Marisol Nóvoa presidenta da CEO, aproveitou para dar a coñecer o seguinte proxecto de Conecta Ourense: unha oficina itinerante para atender ás pemes do rural
- Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, participou na mostra de resultados que foron expostos por Juan Sobejano, consultor tecnolóxico de Innolandia
- Conecta Ourense asesorou este ano a 230 empresas, entre as que detectou 125 con potencial innovador
Ourense, 8 de outubro de 2024.- Coñecer as ferramentas de IA máis axeitadas para levar a cabo proxectos innovadores; identificar e valorar os problemas da peme; propoñer solucións para atopar a máis oportuna, e desenvolvela implementando un programa atendendo a costes e tempos. Estes foron os eixos dos tres obradoiros en liña e un presencial dos que constou o programa Fase 0 a IA aplicada a proxectos de innovación no que as empresas participantes foron recibindo as pautas e información para adaptalas á problemática de cada unha á hora de abordar a innovación.
Hoxe tivo lugar a última das sesións desta iniciativa, na que as 13 empresas participantes atoparon o xeito de aplicar a IA a procesos innovadores dentro da súa actividade en sectores variados como alimentación, beleza, moda, formación, artes gráficas, madeira, enerxía, xoiería, consultaría, turismo ou sostibilidade. A xornada desta mañá, celebrada en formato presencial desde primeira hora, serviu para desenvolver un plan de traballo detallado e convincente para cada proxecto con todo o aprendido nas sesións anteriores.
No peche da mesma, o titor Juan Sobejano amosou o avance das catro etapas das que constou o programa, e os seus resultados globais ata chegar á fase final de hoxe. Da súa intervención, así como do traballo desenvolvido, despréndense conclusións en positivo como a capacidade de calquera empresa para innovar, un recurso que non é exclusivo das grandes compañías; tamén defendeu o poder da IA para axudar nestes procesos, máis que para substituír, e avogou pola cooperación público-privada para mobilizar recursos e iniciativas.
Balance dos datos de Conecta Ourense
Este proxecto, coma o resto de iniciativas no marco de Conecta Ourense, foi deseñado para favorecer a adaptación do tecido empresarial da provincia aos escenarios actuais, e máis concretamente, no caso de Fase 0, para guiar ás empresas a través dunha metodoloxía contrastada para resolver retos e atopar solucións diferentes ás existentes no mercado. Este proxecto da CEO, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape e de Gain, busca que as empresas provinciais non só se adapten aos recentes cambios do mercado, senón que tamén se convertan en referentes de innovación.
Neste sentido, a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, destacou no peche do programa que despois de case 3 anos de traxectoria de Conecta Ourense, ‘esta iniciativa superou as expectativas en canto a empresas atendidas e orientadas para que optimicen mellor as axudas, e para que focalicen o seu potencial e alcancen parámetros máis innovadores, modernos e sostibles na contorna económica actual’. Nos datos que revelou Marisol Nóvoa de 2024, Conecta Ourense contactou con máis de 200 empresas que recibiron un total de 292 asesoramentos e 123 propostas a convocatorias públicas de Igape e Gain. As sesións, talleres e programas desenvolvidos por Conecta Ourense ao longo deste ano reuniron a máis de 400 participantes, e co programa rematado hoxe alcanza a cifra de quince xornadas. Conecta Ourense tamén creou grupos de traballo específicos para axudar ás empresas en todo o proceso de tramitación, execución y xustificación das axudas nas áreas de internacionalización, sostibilidade, dixitalización, competitividade e innovación.
Pola súa banda, Norberto Penedo, na súa intervención, destacou a importancia de que o tecido empresarial e a Administración vaian da man e, nesta liña, puxo en valor o papel que xoga a CEO no seu labor de apoio ás empresas ourensás. O responsable do Igape fixo fincapé en que a colaboración público-privada é imprescindible para afrontar os grandes proxectos que van permitir a transformación dixital e sostible do modelo económico, nun contexto como o actual, con moitos retos, pero tamén nun escenario con grandes oportunidades para as empresas galegas.
Conecta Ourense Rural Itinerante e o estudo da pegada de carbono, próximos proxectos
Conecta Ourense continúa coa posta en marcha de iniciativas, nesta ocasión para focalizar o apoio ás empresas nas contornas rurais e tamén para axudalas a medir a pegada de carbono na súa actividade. No primeiro caso, Conecta Ourense Rural Itinerante comeza hoxe mesmo coa presentación na comarca de Verín, para continuar percorrendo a provincia comarca a comarca. Os obxectivos que pretende esta oficina itinerante é impulsar o crecemento das pemes nas zonas rurais, facilitándolles o acceso a convocatorias públicas e crear espazos permanentes de colaboración e asesoramento. Co tempo, prevese cubrir toda a xeografía ourensá e establecer visitas de xeito periódico para que as empresas do rural poidan acceder a servizos en áreas clave de desenvolvemento como innovación, dixitalización, internacionalización e sostibilidade.
E a finais deste mes de outubro porase en marcha un novo desafío de Conecta Ourense, esta vez centrado na pegada de carbono, para o que se desenvolverá tamén un ciclo de catro sesións de traballo coas empresas ourensás que estean interesadas en dar este paso cara a unha actividade máis sostible.