Conecta Ourense Rural continúa no Barco de Valdeorras a súa rolda de presentacións

  • O acto levouse a cabo na Casa Grande de Viloira e contou coa colaboración da Asociación Empresarial de Valdeorras
  • A Oficina Conecta Ourense da CEO achega os servizos ás empresas das contornas rurais da provincia 
  • O apoio da Xunta a través do Igape e a Axencia Galega de Innovación fai posible que esta colaboración conxunta se materialice na simplificación de moitos trámites 
  • A presentación de hoxe contou con representantes das distintas entidades colaboradoras na iniciativa 
  • Impulsar o crecemento das empresas rurais e facilitarlles o acceso a información e axudas son algúns dos obxectivos desta iniciativa que ademais acompañará ás empresas en todo o recorrido 

O Barco de Valdeorras, 7 de novembro de 2024 || Esta mañá, a Casa Grande de Viloira acolleu a presentación de Conecta Ourense Rural e da Oficina Económica de Galicia. Esta iniciativa, promovida pola Confederación Empresarial de Ourense co apoio da Xunta a través do Igape e Gain, está desenvolvendo unha rolda de eventos por toda a provincia para dar a coñecer os servizos e poñer en valor  a importancia da innovación, a dixitalización, internacionalización e a sostibilidade como eixos estratéxicos para impulsar o desenvolvemento das pequenas e medianas empresas rurais. Conecta Ourense Rural ten como obxectivo achegar ás empresas do rural os recursos, asesoramento e apoio necesarios para impulsar o seu crecemento e competitividade, ofrecéndolles o acceso a servizos en áreas clave e toda a información e acompañamento para facilitarlles o acceso a convocatorias públicas de axudas. 

Na benvida da xornada participou Araceli Fernández, presidenta da Asociación Empresarial de Valdeorras, -Aeva-  quen salientou o gran apoio que esta oficina vén prestando no rural valdeorrés desde a súa implantación hai 3 anos, converténdose nunha ‘ferramenta valiosa para fortalecer as empresas da nosa comarca, achegándolles asesoramento especializado, acceso a axudas públicas e un acompañamento integral co que as nosas pequenas e medianas empresas puideron desenvolver o seu potencial, enfrontarse aos desafíos da dixitalización e adoptar prácticas máis sostibles’. Tamén salientou que esta oficina de carácter rural non só abre portas a novas oportunidades de desenvolvemento, senón que crea un espazo de colaboración e asesoramento continuo para detectar e fortalecer o potencial de cada empresa. 

Na presentación propiamente dos servizos da Oficina Económica de Galicia e de Conecta Ourense Rural, participaron por unha banda José Manuel Fernández, subdirector de Asesoramento Empresarial e Apoio da Oficina Económica de Galicia do Igape, que se conectou en liña para dar cumprida información sobre axudas e futuras convocatorias para apoiar ás empresas na preparación dos seus proxectos. Na súa quenda, fixo a presentación desta oficina económica da Xunta da que salientou a súa misión como como punto de referencia para facilitar e axilizar a creación e desenvolvemento de iniciativas empresariais en Galicia. A Oficina Económica de Galicia ofrece asesoramento individualizado, apoio para a implantación de empresas, acceso á financiamento e acompañamento na transformación dixital, innovación e sostibilidade, buscando desburocratizar e simplificar os trámites empresariais coa administración, actuando como xanela única para novas oportunidades. 

Conecta Ourense Rural, a carón das pemes 

Por parte da Oficina Conecta Ourense estiveron presentes a súa responsable, María Fernández, e Amparo Rodríguez,  a súa homóloga na sede de Valdeorras, que dá cobertura a toda esa contorna.  Entre as dúas puxeron sobre a mesa os obxectivos da iniciativa, destacando a participación de pemes da comarca, e explicando a metodoloxía que se pon en marcha con esta iniciativa, unha plataforma clave para fortalecer o tecido empresarial nas áreas rurais de Ourense. Ademais da presentación de hoxe, Conecta Ourense celebrará novas sesións informativas en Xinzo de Limia, Celanova, Allariz, Carballiño e Ribadavia para dar a coñecer este recurso empresarial. 

Conecta Ourense Rural estará presente por toda a provincia para acompañar ás empresas que así o soliciten en todo o proceso desde a detección das súas necesidades e o seu potencial, ata a mellora da súa competitividade a través da implantación das solucións máis axeitadas, e tamén levará a cabo un seguimento da execución das axudas coas que se implanten esas solucións, así como a tramitación final e xustificación.  María Fernández salientou a colaboración con entidades como o Igape e a Axencia Galega de Innovación, indispensables para o éxito deste proxecto que persigue tamén como obxectivos a creación de riqueza, a fixación da poboación e o asentamento de novos servizos nestas áreas rurais. 

Outro dos obxectivos é a creación de espazos de traballo nos que se levarán a cabo obradoiros para o impulso e a detección da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade das pemes rurais; a través destes talleres formativos e casos de éxito de empresas locais, búscase promover a transformación dixital e a adopción de prácticas sostibles que aumenten a competitividade das empresas en sectores clave do medio rural. 

Nesta primeira sesión desenvolveuse  un taller de asesoramento para a identificación de retos e a exploración de solucións innovadoras que teñan opción de solicitar axudas públicas, foi a cargo de Nachy López, de Igape Responde e tamén houbo un espazo para o asesoramento individualizado ás empresas que así o solicitaron.