- A iniciativa pretende sensibilizar contra este tipo de violencia e erradicala dos espazos de ocio nocturnos
- O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, animou ao tecido empresarial ourensán a adherirse a este protocolo e fomentar a súa difusión
A CEO acolleu esta tarde unha xornada de sensibilización para concienciar ao tecido empresarial de Ourense contra a violencia de xénero, sexual e LGBTIfóbica, e erradicala dos espazos de ocio nocturno a través da adhesión ao Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas, elaborado e promovido pola Xunta. A finalidade deste protocolo é a de potenciar espazos máis seguros e inclusivos e establecer pautas de actuación nos casos destes tipos de violencia, sobre todo para protexer ás vítimas.
A sesión contou coa presenza de Roberto Barba, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, acompañado pola presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, quen destacou na introdución ‘o poder da prevención, a educación e a colaboración institucional para xerar cambios reais, por iso na CEO estamos comprometidos con todas as causas que busquen erradicar a violencia en calquera das súas formas e con construír unha sociedade máis inclusiva e xusta. Deste xeito, queremos sensibilizar e concienciar ao tecido empresarial para, entre todos e todas, dar un paso máis cara á igualdade e o respecto mutuo, algo que cobra máis sentido a escasos 5 días da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O director xeral destacou que este protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas nos espazos de ocio nocturno incide na prevención e tratamento de situacións de violencia nos locais deste sector. Entre as súas liñas de actuación, pon o foco na atención á vítima de maneira confidencial e inmediata, e tamén promove que os establecementos adheridos desenvolvan iniciativas de prevención e sensibilización, en definitiva, este documento establece as pautas no caso de ocorrer unha agresión sexual ou un acto violento contra as persoas LGTBI no interior dun local. Para iso, os traballadores e traballadoras destes establecementos reciben formación para poder afrontar correctamente estas situacións e atender ás vítimas delas.
Roberto Barba apostou por seguir impulsando a implantación do protocolo en máis establecementos e por continuar coas actividades formativas para os profesionais do sector, e animou ao tecido empresarial ourensán deste sector a sumarse a esta iniciativa. Lembrou que as empresas adheridas reciben un selo distintivo que poden amosar no establecemento co fin de potenciar espazos seguros e respostas eficaces ante estas agresións.