- O acto levouse a cabo no Salón de Plenos do Concello de Xinzo e contou coa presenza de autoridades, tecido empresarial e representantes de toda a comarca
- O apoio da Xunta a través do Igape e a súa Oficina Económica fai posible que esta colaboración conxunta se materialice na simplificación de moitos trámites e na identificación do potencial das empresas de cara a presentar proxectos viables
- No nacemento da iniciativa a CEO marcouse como obxectivos principais Impulsar o crecemento das empresas rurais e facilitarlles o acceso a información e axudas de xeito máis sinxelo, e acompañalas en todo o recorrido do seu proxecto
Xinzo da Limia, 17 de novembro de 2025.- O Salón de Plenos do Concello de Xinzo acolleu esta mañá a presentación da iniciativa Conecta Ourense Rural da CEO, un proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape, co obxectivo de acompañar e impulsar ao tecido empresarial das comarcas ourensás. A cita reuniu máis de medio centenar de asistentes, entre representantes institucionais e empresas locais, e o persoal técnico que explicou os principais recursos dispoñibles para dinamizar a actividade económica en territorios rurais.
O acto foi conducido por María Fernández, Responsable da Oficina Conecta Ourense, quen deu paso á apertura e ás distintas intervencións e contidos da xornada. Na benvida institucional participaron Amador Díaz e Ricardo Sieiro, alcalde e concelleiro de Promoción Económica do Concello da vila limiá, e pola banda empresarial Sonia Vilamarín, presidenta de Prolimia e Beatriz Gómez, vicepresidenta da CEO, quen aproveitou para lembrar que a iniciativa Conecta Ourense creouse para ‘acompañar e impulsar ao tecido empresarial das comarcas ourensás a través de asesoramento técnico e individualizado co noso equipo, información directa das liñas de axuda dispoñibles, e acompañamento integral na tramitación de subvencións’. Ademais, agradeceu aos participantes, tanto público como autoridades e relatores, a súa presenza e convidou a poñerse en contacto coa oficina Conecta Ourense da CEO para todos os proxectos que podan xurdir na contorna limiá.
Apoio da Xunta a través do Igape
No marco da xornada, presentouse tamén a Oficina Económica de Galicia. Carla García, técnica responsable das Oficinas Sur do Igape, e Mónica Pena, técnica de proxectos, fixeron un completo resumo sobre o papel e as funcións desta oficina, pensada para reducir burocracia e ofrecer un punto único de atención, asesoramento e acompañamento especializado para autónomos, emprendedores e empresas en todas as fases dos seus proxectos.
A Oficina funciona como ventá única e conta cun equipo de máis de 100 persoas expertas, que prestan servizos personalizados en ámbitos como financiamento, innovación, industria, enerxía, competitividade ou internacionalización. As profesionais presentaron o catálogo de axudas da Xunta, destacando especialmente aquelas vinculadas á internacionalización, á innovación, á mellora da competitividade e ao acceso ao financiamento, así como os diferentes servizos de asesoramento directo —consultas rápidas, reunións presenciais ou telefónicas e plans individualizados de apoio— destinados á posta en marcha ou á aceleración de proxectos empresariais. Tamén se presentou o programa Re-Acciona dirixido a pemes e autónomos con tres ou máis traballadores, que ofrece servizos profesionais de mellora competitiva e innovación cunha subvención do 80%, en modalidade de concorrencia non competitiva.
Introdución de Verifactu
O programa desta xornada incorporou tamén unha explicación pormenorizada de Verifactu a cargo de Iria López e Iago Ríos, de Xesta Formacións. Baixo o título ‘Novo regulamento Verifactu: como adaptarse ás novas obrigas de facturación’ os relatores fixeron un repaso das principais novidades que na implantación de Verifactu, o novo sistema que regulará os programas de facturación para garantir maior transparencia e evitar prácticas de fraude. Este modelo non modifica a forma de emitir as facturas, pero si establece como deben xestionalas os sistemas informáticos, asegurando que sexan íntegras, lexibles, trazables e inalterables. Ademais, explicaron que os provedores de software deberán certificar que as súas aplicacións compren todos os requisitos e asumir a responsabilidade polo seu correcto funcionamento. Cada factura incluirá un código QR que permitirá verificar se foi remitida á Axencia Tributaria, e os contribuíntes poderán enviar os seus rexistros en tempo real, facilitando a creación automática dos libros de IVA e permitindo, no futuro, xerar borradores do modelo 303.
Os relatores de Xesta Formacións especificaron na súa intervención que a entrada en vigor realizarase en dúas datas: 1 de xaneiro de 2026 para sociedades, entidades sen ánimo de lucro e comunidades de bens con actividade mercantil; e 1 de xullo de 2026 para autónomos, profesionais e comunidades de carácter profesional. O novo marco tamén prepara o camiño para a factura electrónica obrigatoria, que a administración prevé estender ao conxunto dos contribuíntes antes de 2030.
A xornada pechouse cun espazo de networking no que os participantes puideron, ademais de compartir experiencias e información, obter asesoramento individualizado co persoal técnico de Conecta Ourense, da Oficina Económica de Galicia e de Xesta Formacións.
CONTACTO
Gabinete de Comunicación de la Confederación Empresarial de Ourense
- Correo electrónico: comunicacion@ceo.es
- Dirección: Praza das Damas, 1, 32005, Ourense
- Teléfono: +34 988 391 110