A iniciativa da Confederación Empresarial de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia a través do Igape, seleccionará cinco empresas que recibirán acompañamento técnico especializado para elaborar unha primeira memoria de sostibilidade conforme ao estándar europeo VSME.
Cada vez son máis as pequenas e medianas empresas que reciben solicitudes de información sobre aspectos ambientais, sociais e de gobernanza —ASG— por parte de clientes, grandes compañías, entidades financeiras, investidores ou no marco de procesos de contratación.
Ante esta realidade, Conecta Ourense, iniciativa da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) co apoio da Xunta de Galicia a través do Igape, pon en marcha o Programa piloto VSME Conecta Ourense · Informes de sostibilidade para pemes, unha iniciativa dirixida a facilitar ás empresas ferramentas para organizar, xestionar e comunicar a súa información en materia de sostibilidade.
O programa permitirá que cinco empresas seleccionadas conten con acompañamento técnico especializado para identificar a información da que xa dispoñen, recompilar os datos necesarios e elaborar unha primeira memoria ou informe de sostibilidade conforme ao módulo básico VSME, adaptado á realidade e aos recursos de cada empresa.
Que é o estándar VSME?
O VSME é o estándar voluntario europeo de información de sostibilidade dirixido ás microempresas e pemes non cotizadas, desenvolvido polo EFRAG, co obxectivo de facilitar unha forma máis sinxela, proporcionada e harmonizada de recompilar e comunicar información ambiental, social e de bo goberno.
Está especialmente pensado para empresas que non están obrigadas a presentar información conforme á Directiva de Información de Sostibilidade Corporativa (CSRD), pero que cada vez reciben máis peticións deste tipo de información por parte de clientes, grandes empresas, entidades financeiras, investidores ou outros socios comerciais.
Contar cunha memoria VSME non significa unicamente dispoñer dun documento de sustentabilidade. Pode converterse tamén nunha ferramenta de xestión que permita á empresa ordenar a súa información, identificar oportunidades de mellora e poñer en valor os seus avances ante terceiros.
Entre as súas posibles vantaxes destacan o reforzo da confianza na empresa, a mellora da transparencia, a diferenciación fronte á competencia, a identificación de novas oportunidades de negocio ou a posibilidade de responder dunha maneira máis áxil ás solicitudes de información en materia de sostibilidade.
Sesión informativa sobre VSME para pemes
Como primeiro paso do programa, Conecta Ourense celebrará unha sesión informativa en liña sobre VSME e informes de sostibilidade para pemes, aberta ás empresas interesadas en coñecer este estándar e valorar a súa posible participación no programa piloto.
Data: 24 de setembro
Hora: 10:30 h
Modalidade: en liña
Dirixida a: empresas interesadas en coñecer o estándar VSME, as súas posibilidades de aplicación e o funcionamento do programa piloto de Conecta Ourense.
Durante a sesión abordaranse cuestións como:
- Que é o estándar VSME e para que tipo de empresas está pensado.
- Que información pode incorporar unha peme á súa memoria de sostibilidade.
- En que consiste o módulo básico VSME.
- Que vantaxes pode ofrecer este tipo de informe á empresa.
- Como pode axudar a responder ás solicitudes de información de clientes, entidades financeiras e outros grupos de interese.
- Como se desenvolverá o acompañamento individualizado ás empresas participantes.
- Cales son os primeiros pasos para elaborar unha memoria de sostibilidade.
- Como manifestar o interese en participar no programa piloto e optar a unha das cinco prazas dispoñibles.
Poderán participar na sesión unha ou varias persoas por empresa, en función do seu interese e organización interna.
Inscrición aberta: https://forms.gle/2RPGRVnDeGrrUTXw8