O presidente da Deputación, Luis Menor, recibiu no despacho do Pazo Provincial ao novo presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), César Blanco, designado de xeito unánime pola Xunta Directiva da organización logo do pasamento da anterior presidenta, Marisol Nóvoa. Segundo os estatutos da entidade, Blanco ocupará este posto de maneira provisional ata a celebración das vindeiras eleccións, nun prazo máximo dun ano.
Nesta primeira reunión institucional entre ambos presidentes, acordouse manter intacta a cooperación e colaboración entre a Deputación e a patronal ourensá. “O tecido empresarial é o gran motor que impulsa a economía da nosa provincia”, recalcou Menor, quen asegurou que a institución provincial “continuará a reforzar a alianza cun organismo que é clave para o crecemento económico no noso territorio”.
Pola súa banda, César Blanco mostrou a súa total dispoñibilidade e vontade de continuar traballando polo tecido empresarial da provincia, dando continuidade aos proxectos iniciados no mandato anterior e afrontando os novos retos que o colectivo ten por diante.
Tanto Menor como Blanco tiveron tamén un emotivo recordo para a anterior presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, destacando a súa gran achega e o legado deixado na Confederación durante os seis anos que estivo á fronte da mesma.