A Confederación Empresarial acolleu esta mañá a sesión final da terceira edición do programa de medición de pegada de carbono para o tecido empresarial. Xunta, Igape e CEO, a través de Conecta Ourense, puxeron en marcha hai 3 meses esta iniciativa cuxo obxectivo final é o de cuantificar e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) dentro dos alcances 1 (emisións directas) e 2 (emisións indirectas por enerxía importada). A medición da pegada de carbono permite que calquera empresa ou organización teña coñecemento do impacto que a súa actividade xera sobre o clima para así emprender un camiño de mellora e compromiso coa redución deste tipo de emisións.
A formación e titorización foi a cargo de Marta Sánchez, directora de PFS Grupo e experta en pegada de carbono, e nel participaron seis empresas ourensás que na xornada de hoxe expuxeron os seus logros cara a unha produción e actividades máis sustentables, deuse conta das propostas implantadas para acadar estes obxectivos e entregáronse os diplomas correspondentes.
En total foron seis as empresas ourensás que culminaron con éxito o programa de capacitación en cálculo de pegada de carbono, unha iniciativa orientada a impulsar a sostibilidade empresarial e promover a loita contra o cambio climático desde o ámbito corporativo. O programa permitiulles adquirir coñecementos e ferramentas prácticas para identificar, cuantificar e xestionar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro, favorecendo a integración de criterios ambientais na súa estratexia empresarial e mellorando a súa capacidade para avanzar cara a modelos de xestión máis sostibles.
Gómez y Crespo, Grupo Tecnogap Atlántico, Maderas Rubén Galicia, Granitos del Val, Eleko Tecnoloxía e Innovación e Bodegas Campante, foron as empresas participantes que calcularon conxuntamente unha pegada de carbono total de 1.556,87 toneladas de CO₂ equivalente.
Como resultado do proceso, estas empresas asumiron un compromiso conxunto de redución de emisións próximo ao 30% nos próximos anos, mediante a implantación de medidas concretas orientadas a minimizar o seu impacto ambiental. Entre as principais actuacións previstas destacan a optimización do transporte e a loxística e a mellora da eficiencia enerxética.
Os resultados alcanzados abren a porta a futuras iniciativas que permitan estender estas boas prácticas e pon de manifesto o crecente compromiso do tecido empresarial coa transición cara a unha economía baixa en carbono. Esta iniciativa non só cuantificou as emisións, senón que fomentou unha maior conciencia ambiental e unha planificación estratéxica de redución, aliñando ás empresas participantes coas mellores prácticas de sostibilidade e os estándares regulatorios.
Este programa, que conta co apoio da Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), contou na xornada de peche con Norberto Penedo, director da Área de Competitividade deste organismo, quen salientou o papel de Conecta Ourense como instrumento para achegar ás pemes ferramentas e coñecemento que lles permitan afrontar con maiores garantías os desafíos da transición dixital e sostible. Neste sentido, animou ás entidades participantes a aproveitar a convocatoria de axudas á transformación dixital actualmente aberta polo Igape, unha oportunidade para impulsar a innovación, mellorar os seus procesos e gañar competitividade.
Ao seu carón, o presidente da CEO, David Martínez fixo tamén unha aposta por consolidar a iniciativa para que sirva de exemplo para outras empresas, e avanzou que a CEO traballa nun novo programa piloto que va máis alá, e axudará ás pemes da provincia á elaboración de Memorias de Sostibilidade VSME, o modelo estandarizado europeo de reportes de sostibilidade específico para pemes.
Begoña Llamosas de Eleko Tecnoloxía e Innovación e Ricardo Conde, de Maderas Rubén Galicia narraron a súa experiencia no programa, destacando a gran oportunidade que supón para as pemes participar neste tipo de iniciativas para consolidar a concienciación ambiental e unha produción máis sostible, mellorando a súa competitividade cara os novos retos do mercado.
Ao finalizar a sesión, as empresas desta 3ª edición do programa recolleron o diploma que recoñece a finalización con éxito do proceso de cálculo, a elaboración do plan de descarbonización e o rexistro oficial da súa pegada de carbono.