CEO e Concello impulsan un programa para dar saída laboral a persoas con problemas

Os 40 participantes en “ConBOrumbo” recibirán formación durante 6 meses a través dunha iniciativa financiada pola Xunta

A CEO e o Concello de Ourense porán en marcha un programa para reinsertar no mercado laboral a persoas que se atopan en situación de exclusión social ou en risco de sufrila; será a través do proxecto “ConBOrumbo”, no que a Confederación Empresarial de Ourense aportará formación aos participantes e buscará empresas nas que poidan entrar a traballar. O concello de Ourense, pola sua parte, aportará as persoas susceptibles de participar neste programa a través da documentación que manexan os Servizos Sociais municipais. A iniciativa contará, asimesmo, co respaldo decisivo da Consellería de Política Social, que aportará a financiación.

Así o explicaron onte o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Canal agradeceu a participación decidida por parte do Concello e a Xunta e amosou o seu desexo de que “sexa a primeira de moitas oportunidades para colaborar estreitamente no eido da exclusión social en beneficio dunha sociedade mellor, dende a convicción de que a unión de esforzos incrementa a capacidade de acción e, en consecuencia, os beneficios, que neste eido suporá formar a mais persoas”.

Engadiu Canal que a institución que preside conta con “ampla experiencia en proxectos de inclusión laboral e recolocación, nos que traballamos dende hai anos, superando en cada edición o 50% de insercións, ainda tratándose de colectivos en situación de máxima dificultade. Esta especial sensibilidade tén sido obxecto de recoñecemento oficial e institucional para a CEO en varias ocasións”,

No desenvolvemento do programa “conBOrumbo”, dixo o presidente da CEO, será básica a estreita colaboración co Concello, ata o de agora non explorada no eido da inclusión social. Acollerá a 40 persoas cun perfil que supera os 35 anos, con estudos medios e en desemprego dende hai mais dun ano. En total serán 1.400 horas ó longo de seis meses, que suporán un investimento directo de 42.043 euros por parte da Xunta, aos que haberá que sumar os custes da infraestructura aportada por CEO e Concello na fase previa de acceso ó programa.

O director xeral de Inclusión Social suliñou a importancia que tén para a Xunta participar neste “proxecto ilusionante, que permitirá o acceso ó mercado laboral por parte de persoas vulnerables ou en situación de risco de exclusión social”. Como xa fixera Pérez Canal, Arturo Parrado incidiu na importancia da “coordinación institucional” para alumear esta iniciativa, xa que “os concellos teñen un profundo coñecemento da realidade social, en tanto que a CEO domina o mundo empresarial” o cual permite acercarse ó fondo dos problemas é a posibilidade de buscar solución. Felicitou á Confederación Empresarial pola “sua aposta en favor dos mais necesitados”, ó tempo que sinalou que “a Xunta está encantada de poder colaborar”, nestas accións, polo que invitou “a seguir traballando na mesma línea”.

O alcalde, pola sua parte, tamén puxo de relevo a importancia da cooperación e coordinación institucional entre entidades tan representativas da sociedade como o Concello, a Xunta e a Confederación Empresarial, porque a través de ela “melloramos a capacidade para axudar á sociedade á que nos debemos”.

Jesús Vázquez agradeceu “o labor do persoal de Servizos Sociais, que mesmo con dificultades de persoal non regatea dedicación para tratar de respostar ós problemas plantexados”. Lembrou que atenden unha área “moi delicada, porque se trata de persoas con problemas de distinto signo e situacións moi complexas”, que componen un colectivo amplo, xa que segundo indicou o alcalde, nestes momentos “hai constancia oficial de 2.100 persoas con problemas e dificultades de índole variada, pero seguramente hai mais, porque hai xente que ten reparos a dar a coñecer a sua situación persoal”.

O rexedor ourensán avanzou que esta colaboración institucional terá continuidade e que mesmo podería concretarse “nas próximas duas semanas”, a través “dunha iniciativa pioneira” en Galicia.

img_7332_