Teatro Solidario a prol da Fundación Meniños

Hoxe venres 10 de febreiro no salón de actos da CEO tivo lugar a presentación da nova peza teatral de Metátese Teatro Fantamimo. Os beneficios da función, representada por alumnos, alumnas e docentes de varios centros educativos da comunidade, destinaranse aos programas de protección da infancia que desenvolve a ONG Fundación Meniños.

 

  • Haberá dúas funcións, unha de mañá para escolares, e unha de tarde para o público en xeral, cun prezo único de 2 euros.
  • A iniciativa solidaria conta co apoio da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e o Teatro Principal.

 

Un ano máis, Ourense acolle a representación teatral solidaria coa Fundación Meniños que coordina Metátese Teatro, coa colaboración do Teatro Principal e a Fundación CEO.

Fantamimo é unha creación colectiva composta por varias historias independentes que acontecen nun ascensor, e que pretende provocar no espectador a reflexión sobre cuestións como o reparto das tarefas do fogar, as consecuencias negativas da agresividade e do medo, a realidade esquecida das persoas de máis idade, a importancia da lectura na formación plena do ser humano e a discriminación por motivos de raza, xénero ou crenzas.

Un espectáculo coral para sensibilizar sobre a imperiosa necesidade de integrar e apoiar todas as realidades sociais, especialmente as máis desfavorecidas, representado por alumnos, alumnas e docentes de idades comprendidas entre os 10 e os 21 anos da Aula de Teatro do IES Antón Losada Diéguez (Avelaíñas Teatro), a Escola Municipal de Teatro de Laxe e máis o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei.

Nesta obra de creación colectiva, escenografía, vestiario e maquetación foron deseñadas por Lusco Fusco Teatro; música, iluminación e son corren a cargo da Escola Municipal de Teatro de Laxe; e a produción é responsabilidade de Avelaíñas Teatro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez,  Metátese Teatro e máis o Club de lectura “Retelladores do Galiñeiro”.

A representación terá lugar o vindeiro venres 17 de febreiro no Teatro Principal de Ourense en dúas funcións: a sesión das 12:00, destinada a escolares, e a segunda representación ás 20:30 para o público xeral. Esta creación colectiva contou coa produción de Avelaíñas Teatro, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Antón Losada Diéguez,  Metátese Teatro e o Club de lectura “Retelladores do Galiñeiro”.

O prezo das entradas é de 2 euros. Os cartos recadados destinaranse á Fundación Meniños, que desenvolve programas de protección, atención familiar e sensibilización.

 

A Fundación Meniños

Meniños é una organización independente que leva 20 anos promovendo os dereitos da infancia e da adolescencia en situación de dificultade social, favorecendo cambios na súa contorna que lles aseguren un ambiente familiar de seguridade e afecto.

A Fundación Meniños desenvolve programas especializados de intervención familiar con nenos, nenas e adolescentes en situación de risco e/ou desprotección, e coas súas familias en Galicia, Asturias e Madrid, en colaboración coas administracións públicas, outras entidades e organizacións. Tamén desenvolve programas preventivos e educativos por conta propia e imparte formacións especializadas.