CEO e Xunta apostan por accións conxuntas para mellorar a situación da provincia

Marisol Díaz Mouteira apunta á internacionalización empresarial, a innovación e o emprendemento como eixos da colaboración

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recibiu á nova presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, CEO, Marisol Nóvoa Rodríguez, que acudiu acompañada dos vicepresidentes Rosa María Sánchez Gándara, Beatriz Gómez Valcárcel e Alejandro Cruz, xunto co contador, David Martínez. A representante do Goberno galego mantivo así o seu primeiro encontro institucional con Nóvoa desde que foi elixida, hai un mes, presidenta da patronal ourensá.

Na xuntanza, ambas partes abordaron diversos aspectos nos que ambas institucións están implicadas e analizaron liñas de cooperación para favorecer a actividade empresarial na provincia. Neste senso, Díaz Mouteira ofreceulle á nova presidenta da CEO diálogo e colaboración da Xunta para traballar de xeito coordinado no impulso da economía da provincia.

A delegada territorial lembrou ante Nóvoa Rodríguez as tres liñas nas que o Executivo galego está a traballar co obxectivo de activar a economía: a internacionalización, a innovación e o emprendemento. Marisol Díaz Mouteira apelou á implicación da patronal no labor de manter o crecemento do emprego e da economía na provincia de Ourense, “xa que sen a contribución do tecido empresarial, que cada vez produce máis e mellor, sería moi difícil lograr un bo comportamento da economía galega”.

Neste senso, Marisol Nóvoa agradeceu ó ofrecemento da delegada da Xunta afirmando que “a CEO e a Xunta contan cunha dilatada traxectoria de colaboración que ten proporcionado excelentes resultados e ten permitido a posta en marcha de iniciativas, que agardamos teñan continuidade e incluso se poidan incrementar en adiante”. Lembrou Marisol Nóvoa que os Eidos mencionados pola delegada da Xunta son considerados estratéxicos para a CEO, ata o punto que son nos que agora mesmo “están centrados os esforzos para darlle pulo ó empresariado ourensán, ademáis de crear as condición para acceder a novos mercados e gañar cuota de negocio”. “Queremos manter o esforzo -rematou Marisol Nóvoa- e incluso incrementalo na medida das posibilidades, pois o éxito destas e todas as demais iniciativas que leva a cabo a CEO, son a nosa contribución ó benestar socioeconómico da provincia”.