CEO e COGAMI unen esforzos no fomento da contratación de persoas con discapacidade

Un acordo asinado entre as dúas entidades pretende achegar a todos os membros da Confederación Empresarial información sobre a contratación de persoal laboral que ten algún tipo de discapacidade

A sede da Confederación de Empresarial de Ourense (CEO) acolleu a sinatura dun convenio de colaboración entre esta entidade empresarial e maila Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O obxectivo deste acordo é traballar pola integración socio-laboral das persoas con discapacidade.

Á sinatura do convenio asistiron a presidenta da CEO, Marisol Novoa, e o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo. Os dous amosaron a sua satisfacción por este acordó entre ambas entidades, e expresaron a esperanza de que poida rendir froitos para un colectivo necesitado de respaldo para incrementar os niveis de integración sociolaboral. A este respeito, a presidenta da CEO salientou que “á marxe do recollido no convenio, a Confederación Empresarial de Ourense, estará sempre ó dispor de Cogami para todo o que estimen oportuno e nós poidamos asumir”.

Con esta firma, formalízase unha colaboración coa que a CEO se compromete a difundir ás súas entidades asociadas todas as actividades que desenvolve COGAMI a favor do fomento da contratación laboral das persoas con discapacidade.  Pola súa banda, COGAMI proporcionará información e documentación actualizada sobre subvencións, bonificacións e axudas á contratación de persoas con discapacidade, así como as axudas que hai para a adaptación ao posto de traballo e accesibilidade en xeral.

Dende o ano 1998 COGAMI ten un punto de atención a persoas con discapacidade da provincia de Ourense que é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e autorizado como Axencia de Colocación recoñecida. Este Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) conta cunha base de datos na provincia que ascende a 2.419 persoas inscritas como demandantes de emprego (1.492 homes e 927 mulleres).

Durante este ano 2019, este servizo que proporciona as ferramentas necesarias para a busca activa de emprego atendeu a 105 novas persoas e realizou 484 orientacións laborais. Outra das funcións deste servizo é facilitarlles ás empresas persoas traballadoras cualificadas, asesoramento e apoio, como así fixo o equipo de orientación laboral de Ourense, que visitou 37  empresas novas para presentarlle os servizos, captou 110 ofertas de emprego e logrou a inserción de 236 persoas con discapacidade.

Por iso este acordo entre CEO e COGAMI resulta de grande relevancia para o grupo social da discapacidade, pois permitirá a posta en marcha de iniciativas centradas no intercambio de información, dará a coñecer os programas que desenvolve COGAMI entre as persoas asociadas á CEO para fomentar a contratación de persoas con discapacidade.

Outras cláusulas recollidas no convenio refírense a que a CEO facilite os contactos coas organizacións sectoriais, territoriais e empresas a través das e dos técnicos das respectivas entidades e tamén se encargará da difusión dos servizos que prestan os centros especiais de emprego de economía social sen ánimo de lucro existentes en Galicia, co fin de favorecer o acceso ao mercado de traballo ordinario das persoas con discapacidade e ofertar recursos de cara ao cumprimento das medidas alternativas.

Outras das liñas que engloban esta colaboración están relacionadas coa selección de alumnado para os distintos proxectos de formación que leve a cabo a Fundación CEO ou a Confederación Empresarial de Ourense por parte dos servizos de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI, e tamén a realización da preselección de candidaturas que mellor se axusten a un posto de traballo ofertado.

A colaboración entre CEO e COGAMI xa vén dende o ano 1999, cando se asinou o primeiro convenio que foi renovado en 2011 e 2013. Agora, ademais de volver renovar o acordo, tamén se aproveitou para presentarse ante a nova presidenta e achegarlle polo miúdo os servizos que presta COGAMI.