ABANCA firma un convenio de colaboración cos empresarios de ATAVE en Ourense

 O banco pon a disposición da asociación un plan de financiamento integral

 O documento inclúe vantaxes como o Programa Cero Comisións de ABANCA

ABANCA achégase ás necesidades de crédito da Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE), amosando o seu apoio aos empresarios, a través de seu compromiso directo coa viabilidade e o crecemento deste sector na provincia.

O convenio foi subscrito este mediodía en Ourense polo presidente da asociación, Manuel Álvarez Gil, e o director de zona de ABANCA en Ourense Centro, Enrique Manuel Romero Reinoso.

Grazas a este convenio, o banco pon a disposición dos talleres pertencentes á asociación un plan de financiamento que responde de maneira integral ás súas necesidades. O documento inclúe produtos e servizos que permiten tanto acometer investimentos, como reforzar a competitividade destes proxectos. Así, os empresarios contarán con produtos especificamente deseñados, entre os que destacan préstamos persoais e hipotecarios ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e xuros moi competitivos.

A oferta financeira de ABANCA inclúe tamén solucións para as necesidades máis inmediatas e así poder adecuarse ás demandas da actividade diaria. O colectivo terá á súa disposición outros produtos e servizos como pólizas de crédito, liñas de desconto comercial, avais ou corfirming segundo as súas necesidades. O convenio tamén reserva un espazo ao financiamento oficial a través de diversos programas do ICO e as SGR galegas.

Do mesmo xeito, os empresarios da comarca poderán desfrutar das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingreso de cheques ou outros servizos habituais. ABANCA, ademais, poñerá a disposición destes profesionais a banca electrónica, o Bróker Online ou ABANCA Pay. Tamén o servizo ‘Appúntame’, para xestionar de xeito sinxelo calquera tipo de cuotas, domiciliacións ou suscripcións tanto para eles como para seus clientes.

Esta non será a única facilidade que poderán ofrecer a seus clientes grazas a este convenio con ABANCA, xa que poderán facer uso de TPVs virtuais e físicos e dispor do Sistema Aplazos co que aumentar as súas vendas ao ofrecer a posibilidade de financiar compras de xeito sinxelo, rápido e económico.