Concello, Deputación e CEO impulsan unha nova plataforma para comercializar produtos ourensáns

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo na Alcaldía coa presidenta, Marisol Novoa, o tesoureiro, Juan Manuel Piñeiro, e o secretario xeral, Jaime Pereira, da Confederación Empresarial de Ourense. O obxectivo era trasladarlles o apoio e colaboración do Concello no proxecto que promove a CEO dunha nova plataforma para a comercialización de produtos ourensáns, unha ferramenta que pretende contribuír á divulgación e venda daqueles produtos da cidade e da provincia de Ourense distinguidos pola súa calidade e carácter diferenciador. Concello e CEO avanzaron na planificación do desenvolvemento deste proxecto, fixando un cronograma de actuacións para a súa posta en marcha. 

Esta iniciativa contará tamén coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, como confirmaron esta mañá o alcalde e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, na xuntanza que mantiveron esta mañá.

Por parte da CEO, o secretario xeral Jaime Pereira valorou tamén positivamente a reunión, que cualificou de moi frutífera, “xa que nos permite ir avanzando desde o que era unha idea inicial ao desenvolvemento desta ferramenta, da que se aproveitarán a cidade e a provincia”.