Galicia Exporta Empresas promove a internacionalización das pemes galegas

  • A Xunta destinou en total este ano 12,5 millóns de euros a apoiar a saída exterior das empresas galegas, dos que 8,3 corresponden á liña Galicia Exporta Empresas
  • Esta liña de axudas promove accións de promoción exterior das pemes como asistencia a feiras ou as tendas en liña entre outras
  • Xunta de Galicia, Igape e CEO expuxeron as claves destas axudas nunha xornada híbrida celebrada hoxe e organizada por Conecta Ourense

A Xunta a través do Igape e a Oficina Conecta Ourense organizaron na sede da CEO a presentación técnica de ‘Galicia Exporta Empresas’, unha liña de axudas destinada a impulsar a internacionalización das pemes galegas. Esta iniciativa ten como obxectivo facilitar a súa entrada e consolidación en mercados exteriores nun contexto global marcado pola inestabilidade arancelaria e a necesidade de diversificar destinos.

A responsable de Conecta Ourense, María Fernández, fixo un percorrido destas axudas na propia oficina virtual do Igape así como a presentación das súas técnicas Placeres Conde, responsable da área de promoción internacional e Ana Giráldez, da área de internacionalización, que facilitaron aos participantes os detalles desta nova edición.  

Estas axudas, de concorrencia non competitiva, pódense solicitar ata o 30 de setembro de 2025 e están dirixidas a pequenas e medianas empresas, incluídos autónomos, con sede en Galicia. As relatoras destacaron os conceptos subvencionables das mesmas, que inclúen por exemplo a  participación en feiras e misións comerciais (presenciais ou virtuais), o márketing internacional e dixitalización para a exportación; a prospección de mercados, homologacións e certificacións ou a creación de catálogos, tendas en liña e análise de competencia.

Con respecto ás cantidades, pódese optar a unha subvención máxima de 150.000 € por solicitude e un gasto mínimo subvencionable de 3.500 €. Este programa da Xunta representa unha importante ferramenta para reforzar a presenza internacional do tecido empresarial galego.

A finalidade destas axudas é a de apostar por unha estratexia sólida de internacionalización que permita ás empresas galegas reducir a súa exposición a riscos externos, sobre todo nun escenario actual de incerteza que fai máis importante ca nunca escoller ben os destinos, diversificar e planificar cos recursos axeitados.  A Xunta está levando a cabo unha Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores, así como a profesionalización dos departamentos que traballan nestas áreas.

A Confederación Empresarial, entidade que ten en marcha as oficinas de Conecta Ourense, leva anos traballando activamente coas pemes ourensás para facilitar a súa saída ao exterior, ofrecendo asesoramento, formación e acompañamento estratéxico. De feito, esta oficina está á disposición de quen precise asesoramento preciso sobre estas axudas así como acompañamento na súa tramitación.