O foro Think Tank Valdeorras levouse a cabo co obxectivo de dar solucións e promover alternativas para innovar e competir no rural abrindo un foro de debate no Barco para divulgar información ás empresas sobre economía circular, innovación, dixitalización e outros retos aos que se enfronta o rural.
- A xornada foi organizada pola CEO coa colaboración de Aeva e o apoio da Xunta a través do Igape e a Axencia Galega de Innovación, entidades que contaron cos máximos representantes tanto na presentación do foro como dos paneis de debate
- As mesas de debate contaron con relatores e experiencias inspiradoras para achegar aos participantes os retos máis inmediatos que ten o rural por diante e as solucións máis exitosas
O Barco de Valdeorras, 29 de setembro 2022._ Esta mañá tiña lugar o I Foro Think Tank Valdeorras no Pazo do Castro, dentro das accións levadas a cabo pola iniciativa Conecta Ourense, un programa posto en marcha pola Confederación Empresarial de Ourense aco apoio da Xunta a través de Igape e Gain, co fin de chegar ao tecido empresarial rural con propostas, asesoramento e axuda para detectar o potencial innovador das pemes nas comarcas ourensás. Unha das actividades de Conecta Ourense foi este primeiro foro, no que contaron coa colaboración da entidade empresarial da comarca valdeorresa, Aeva, para a súa organización, así como do Igape e Gain.
O tecido empresarial de Valdeorras acudiu de forma numerosa a este evento no que estaban representados moitos dos sectores empresariais da comarca: viño, pizarra, agroalimentario, servizos, restauración e moitas outras actividades, que participaron nos dous paneles de debate propostos na xornada. Tamén o tecido político acudiu ao foro no que estiveron presentes Aurentino Alonso, como alcalde en funcións do Barco, Manuel Corzo, alcalde de O Bolo, Álvaro Fernández, alcalde de A Rúa, María del Carmen González, alcaldesa de Carballeda, e Enrique Barreiro, alcalde de Vilamartín de Valdeorras, como asistentes ao foro de debate.
A presentación do foro foi a cargo da presidenta da CEO Marisol Novoa, e a vicepresidenta de Aeva, María del Carmen Rodríguez. A representante do tecido empresarial da contorna destacou que o foro ‘persegue tamén adaptar as futuras convocatorias e iniciativas públicas ás necesidades e peculiaridades dos sectores produtivos da comarca’ e rematou afirmando que ‘é preciso que as zonas rurais sexan capaces de prestar servizos básicos a súa poboación e de aproveitar as súas fortalezas para converterse en motores do desenvolvemento económico’.
Pola súa banda, Marisol Novoa quixo destacar os indicadores acadados polo proxecto Conecta Ourense 7 meses despois da súa posta en marcha para ‘difundir e facer chegar os apoios públicos ao maior número posible de empresas que os necesitan e cos que poderán levar a cabo un proceso innovador e transformador que consolide a súa competitividade e faciliten estas transformacións tan necesarias’. A presidenta da CEO referiu que ‘as empresas participantes en accións deste tipo e que se informaron ou recibiron asesoramento a través de Conecta Ourense ascenden case a 300, mentres que, destas, case a metade están a ser acompañadas na súa tramitación, e en case un centenar delas analizáronse tanto as súas necesidades como o seu potencial para poder seguir axudándoas a conseguir os seus obxectivos’.
Paneis de debate sobre os retos das empresas rurais
O foro comprendeu a xornada de mañá con dous paneis de debate nos que especialistas en sustentabilidade, economía circular e estratexia dixital internacional compartiron reflexións e propostas de valor para implantar nas empresas do rural. Os participantes expuxeron iniciativas para que as empresas consigan unha mellor competitividade coa súa propia experiencia profesional ou empresarial.
No primeiro panel, presentado e moderado polo director do Igape, Fernando Guldrís, desenvolvéronse intervencións sobre a demanda de empresas cada vez máis sostibles e a lexislación sobre cuestións como os envases, o desperdicio alimentario ou a enerxía, que implican grandes retos que á súa vez poden supoñer unha oportunidade para incrementar a rendibilidade nun entorno rural.
Fernando Guldrís destacou na súa presentación que a dixitalización é unha grande oportunidade para o tecido empresarial rural, xa que permite emprender e mellorar a competitividade de sectores como a agricultura ou a gandería. Así mesmo, subliñou a necesidade do investimento público-privado, para impulsar a formación e atraer proxectos tractores que poñan en valor recursos locais, nichos de mercado e xeren alternativas para emprender, e do impulso ao desenvolvemento do mundo rural baseado na economía circular, para revalorizar e optimizar os abundantes recursos do mundo rural.
Os expertos participantes nesta primeira mesa redonda foron Cristina Martínez, especialista en intelixencia competitiva e estratexias de márketing para a internacionalización e directora de expansión en Redflexión Consultores, quen falou de competir no rural creando unha mellor experiencia do cliente. A relatora fixo fincapé en aproveitar o que denominou a co-competencia (colaborar coa competencia) e os marketplace, para mostrar o produto alí onde haxa un cliente. Apostou tamén por innovar nos modelos de negocio e traballar mediante estratexias creadas.
Pola súa banda, Jorge Domínguez, relator tamén neste panel e experto en Ecoloxía do Solo da Universidade de Vigo, introduciu a ‘Economía circular e sustentabilidade no sector vitivinícola’ facendo alusión a un caso práctico e afirmou que a sustentabilidade é barata e polo tanto merece a pena poñela en marcha, aludindo ademais a que é extrapolable dun proxecto a outro.
A experiencia inspiradora en economía circular para esta primeira mesa viu da mao de David Sueiro, o fundador de Galo Celta, unha granxa avícola artesanal de Vila de Cruces dedicada á cría en liberdade de galos e galiñas. Sueiro falou da simbiose entre rendibilidade e boas prácticas rurais apostando pola internacionalización e por un modelo sostible. Esta pequena explotación do rural galego, comprometida con levar ao mercado produtos avícolas artesáns, afrontou o reto de lograr que os seus produtos sexan máis sostibles e os seus ovos foron os primeiros en obter a certificación de pegada ambiental calculada en España. Sueiro recomendou poñer paixón e ganas no traballo e incorporar talento ás empresas, ser versátil e saber cambiar, ademais quixo destacar o poñer en valor a tradición e o patrimonio inmaterial de vivenzas no campo
A segunda mesa, que levaba por título Como impulsar a innovación no rural, foi presentada pola directora da Axencia Galega de Innovación Gain, Patricia Argerey e nela participaron expertos en innovación que achegaron fórmulas para implantar unha cultura innovadora nas pequenas empresas do rural. Patricia Argerey animou ás empresas asistentes a innovar para facer fronte aos retos globais e para gañar competitividade nun mundo globalizado como o actual. Insistiu en que a innovación está ao alcance de todos e que non está reservada ás grandes empresas nin a sectores determinados. De feito, apuntou que a innovación é clave para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e crecer e que non está restrinxida á innovación tecnolóxica, senón a calquera cambio nos distintos ámbitos de actividade da empresa que xere ingresos.
A primeira intervención desta segunda mesa de debate foi a de Francisco Plaza, cofundador da enxeñería de organización Teamandtime Solutions e axente facilitador da innovación cuxo traballo se centra na optimización de procesos, a eficiencia e o incremento da produtividade en base á metodoloxías Lean. Plaza destacou a importancia de implementar os cambios desde as direccións empresariais ofrecendo ferramentas aos seus traballadores para facelo. Segundo Plaza, as empresas teñen que ser tácticas e non estratéxicas xa que hai que estar preparado para unha adaptación rápida a novas necesidades.
Na segunda intervención deste bloque, José M. Suárez, ‘Súa’, experto na creación e desenvolvemento estratéxico de empresas, propostas de valor e xeración de marcas, espuxo a necesidade de innovar creando propostas de valor centradas no cliente. Súa explicou que falta cultura empresarial e cultura de emprendemento en moitos casos para motivar e mellorar as propostas de mercado das empresas e animou aos asistentes a ser innovadores á hora de comunicar os seus produtos. Tamén fixo reflexión sobre a necesidade de que os gobernos atallen o problema da falta de boa conexión a internet no rural que fai perder competividade ás empresas que se localizan no mesmo.
A experiencia inspiradora de innovación no rural veu da man de Jara Pascual, asesora da Comisión Europea en políticas de innovación, que deu consellos e pautas aos asistentes de como manter un negocio nun pobo a través da innovación desde unha metodoloxía introspectiva que nos permita pensar que podemos mellorar na nosa empresa e realizar as accións necesarias para poder implementar esas melloras. Segundo Pascual, estamos nun momento de policrise xeral pero esta mentalidade de crise no fondo nos axuda a mellorar procesos, metodoloxías e traballo.
Este foro perseguía sobre todo aportar coñecemento para as empresas e facilitar o desenvolvemento no rural ao igual que informar sobre as ferramentas institucionais que os asistentes tiñan en marcha para acadar financiamento para as súas iniciativas, facendo ademais unha escoita activa das propostas lanzadas polos asistentes para adaptar as futuras convocatorias e iniciativas públicas ás necesidades e características das empresas da comarca de Valdeorras.