A CEO acolleu hoxe a presentación do primeiro mapa de apoios conxunto á innovación

A XUNTA CONVIDA As pemes ourensás A PARTICIPAR No programa de bonos de innovación para GAÑAR EN COMPETITIVIDADE

  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, adiantou nunha xornada desenvolta na Confederación Empresarial de Ourense que o Diario Oficial de Galicia (DOG) prevé publicar mañá a nova convocatoria desta iniciativa
  • Dotada con 750.000 euros, búscase apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia de negocio, mediante a contratación de servizos externos
  • O celebrado hoxe é o primeiro de oito encontros nos que se explicarán os distintos instrumentos de apoio da Administración autonómica á I+D+i nas catro provincias e enfocados a distintos sectores 

Ourense, 8 de febreiro de 2023.- A sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) acolleu hoxe a xornada de presentación do Mapa conxunto de axudas da Xunta de Galicia á I+D+i, co que se ofrece unha visión completa dos apoios dos diferentes departamentos da Administración autonómica neste eido, facilitando así o acceso a este tipo de programas, especialmente ás pemes.  A presidenta da entidade, Marisol Nóvoa, abriu o acto para lembrar que ‘a CEO está a carón das empresas da provincia para axudalas nestes procesos de identificar o potencial innovador e tramitar as axudas máis axeitadas para cada caso’ .

A continuación, na súa intervención, Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, destacou que mañá está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) dunha nova convocatoria dos Bonos de innovación que contan nesta edición cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes. Con este instrumento, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.

Como principais novidades nesta convocatoria, amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.

En total, o documento presentado hoxe inclúe 38 instrumentos de apoio de seis consellerías a través dos que se prevé mobilizar en 2023 preto de 400 millóns de euros. Este mapa é o resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, un órgano creado no ano 2021 co obxectivo de potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade en materia de I+D+i. Os apoios recollidos neste mapa, vertebrados en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, cobren todas as etapas e axentes da I+D+i: desde o emprendemento e a innovación empresarial, ata a contratación de persoal para realizar tarefas de I+D+i, pasando pola proxección exterior e a internacionalización, a colaboración entre axentes e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.

Próximas xornadas

Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, terá continuidade con cadansúa xornada nas distintas provincias, en colaboración coas respectivas confederacións empresariais. En concreto, os seguintes networkings terán lugar o 17 de febreiro en Vigo; o 22 de febreiro en Lugo e, finalmente, o 28 de febreiro na Coruña.

No evento celebrado en Ourense explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas e expuxéronse casos de éxito de empresas que foron capaces de mellorar a súa competitividade a través destes incentivos da Xunta de Galicia. Así, participaron Academia Trinidad, especializada en prestar servizos TIC de consultoría e formación; Humara, que traballa na dixitalización da industria da reciclaxe e do tratamento de residuos; e Sertogal, empresa de enxeñaría e topografía.

Así mesmo, está prevista a celebración de diferentes xornadas sectoriais na sede da Axencia Galega de Innovación e en liña nas seguintes datas: 2 de marzo centrada en “A innovación social como panca do benestar da sociedade galega”; 8 de marzo, “A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade”; 15 de marzo, “O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial” e o 22 de marzo, “O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación”.