A internacionalización e o turismo deportivo marcaron a actividade de Expourense en 2017

O recinto acolleu 11 feiras, dúas delas internacionais, e 29 eventos que atraeron a 89.000 visitas e a 940 expositores de 46 países

Alejandro Cruz suliñou o papel da Fundación de Feiras na dinamización da vida comercial da provincia ó longo do último cuarto de século

Durante o 2017 Expourense celebrou 11 feiras, 2 das cales (Xantar e Termatalia) foron de carácter internacional o que supón que Expourense organizou a metade das citas internacionais celebradas en Galicia o ano pasado. A presenza de 940 expositores e 89.000 visitas procedentes de 46 países reforza á internacionalización como un dos grandes eixos da actividade de Expourense durante o pasado ano no que o recinto reforzou a súa rede de socios estratéxicos en Europa e América Latina, rede que se estendeu ademais a Oriente Próximo e Asia-Pacífico.

A memoria de actividades de Expourense 2017 foi presentada nun acto no que interviron a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez; o alcalde de Ourense e vicepresidente executivo de Expourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz, e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín. Estiveron acompañados polo resto de membros do Padroado da Fundación Expourense como o director territorial de ABANCA, Rubén Saavedra, ou o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández.

Durante as intervencións quedou patente que o 2017 foi un ano de transición no que o recinto buscou a compatibilidade entre a actividade feiral e a deportiva. “Foi un gran reto que se fixo realidade e o reto para 2018 e acadar a compatibilidade total. Expourense segue a ser un referente e o buque insignia da actividade feiral en Galicia”, tal e como explicou a directora xeral de Comercio.

O vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz, trasladou a felicitación en nome da institución que representaba a Expourense, lembrando que a CEO, membro fundador do Patronato de Expourense, “síntese partícipe da satisfacción pola xestión desenvolvida durante máis dun cuarto de siglo; nese tempo, Expourense tense convertido nunha referencia ó situar algunhas das suas feiras como fitos no ámbito autonómico, estatal e ata internacional”, suliñou Alejandro Cruz.

Estas son as premisas baixo as que desenvolveu a súa actividade en 2017 a Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, que se consolida como unha plataforma que contribúe, a través da organización de citas únicas, a fomentar a competitividade das empresas galegas e a facilitar contactos internacionais, sobre todo en sectores estratéxicos como o termalismo, a enogastronomía ou a automoción, e aos que se engade agora o deporte. Por todo o anterior, as feiras e eventos promovidos por Expourense exerceron de axente dinamizador da actividade económica galega conseguindo ademais a involucración dos empresarios e fomentando o asociacionismo.

Todos os certames contaron coa presenza de 940 expositores, unha cifra semellante á do ano anterior e que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense.