A Conferación Empresarial de Ourense acolle unha nova xornada sectorial do Programa Re-acciona sobre o impulso para a profesionalización do sector agroalimentario

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acaba de lanzar a segunda convocatoria do ano 2018 para a solicitude dos servizos que ofrecen co programa Re-acciona. Por este motivo, organiza unha serie de xornadas sectoriais co obxectivo de presentar as vantaxes que os devanditos servizos poden supoñer para as pemes.

Unha destas xornadas tivo lugar o pasado 13 de abril na Confederación de Empresarios de Ourense. Nela falouse sobre os factores que dinamizan o crecemento do sector agroalimentario: a innovación, a implantación da tecnoloxía e a atención ao novo consumidor que está a cambiar as tendencias de consumo. A xornada iniciouse cun café de benvida e, posteriormente, deuse paso á mesa redonda na que interviron o Presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal e o Conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, quen salientou que é necesario que as pemes perdan o medo ao cambio. Nesta mesa tamén interviron os representantes de dúas empresas participantes no programa Re-acciona: Biscuits Galicia e Lago Aves, que destacaron a importancia deste tipo de programas que axudan ás pequenas e medianas empresas a mellorar a súa competitividade.

Tras os casos de éxito Re-acciona, pasouse a un relatorio no que falaron Elena Pérez, Directora de Marketing de Aceites Abril, empresa dedicada á comercialización dun ampla variedade de tipos de aceite vexetal, e Juan Luis Méndez, socio fundador de Galician Original Drinks, empresa galega creadora dos vermús Nordersía, o primeiro vermú galego producido en Galicia.

Para rematar, procedeuse á presentación dos servizos Re-acciona para a mellora da competitividade das pemes galegas da man de José Manuel Fernández, xerente do Igape, e finalizouse cunha rolda de preguntas.

 

O programa Re-acciona

O Igape puxo en marcha no ano 2012 o programa Re-acciona, con once servizos de mellora da competitividade empresarial, que na actualidade se atopa na súa quinta edición.

O pasado 3 de abril abriuse unha nova convocatoria que rematará o 25 de maio para ofertar 83 novos servizos orientados á análise de negocio, profesionalización e desenvolvemento estratéxico.