Abanca respaldará iniciativas dos comerciantes a través dun convenio de colaboración

  • A entidade financeira galega e a Federación de Comercio de Ourense renovan a súa colaboración co obxectivo de fomentar e promover o comercio na provincia
  • Os asociados poderán acceder a unha ampla oferta financeira, con condicións vantaxosas respecto ao mercado

ABANCA e a Federación de Comercio de Ourense acaban de renovar o seu convenio financeiro co obxectivo posto en impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica e comercial da provincia. Este acordo permite á Federación proporcionar máis medios ao comercio ourensán e establecer un marco xeral de cooperación con ABANCA para facilitar a actividade e desenrolo socio-económico dos asociados.

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, e o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra Pedreira, rubricaron un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia.

En virtude deste acordo os establecementos asociados terán á súa disposición condicións especiais nos servizos bancarios necesarios para a súa actividade. Así, os asociados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial.

Grazas a este convenio os asociados tamén poderán beneficiarse de liñas de financiamento especial grazas ao Plan Activamos. Deste xeito, os comerciantes poderán dirixirse ás oficinas de  ABANCA para solicitar información e financiamento, a través desta liña aberta polo banco e a Deputación de Ourense. Do mesmo xeito, os profesionais pertencentes á Federación poderán beneficiarse das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con  ICO e IGAPE, así como coa sociedade galega de garantía  recíproca Sogarpo.

Os asociados tamén poderán aproveitarse das vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento de contas e tarxetas, polas transferencias, o ingreso de cheques ou outros servizos habituais. Ademais, poderán beneficiarse de tarifas personalizadas na alta e mantemento de dispositivos TPV (Terminal Puntpo).

Así mesmo, co ánimo de optimizar a calidade do servizo e dar unha atención máis personalizada aos membros da Federación, o banco poñerá a  disposición  dos interesados persoal especializado na xestión de seguros, quen asesorará das pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada afiliado. ABANCA tamén ofrecerá o aos asociados o seu servizo de banca a distancia.

A Federación de Comercio de Ourense agrupa os intereses de diversos negocios desta provincia, que exercen a súa actividade principalmente no sector servizos. Pola súa parte, ABANCA conta coa rede máis extensa de oficinas en Galicia e cunha oferta axeitada para autónomos e pemes.