Cafés Lisboa, Grupo Cuevas, o Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Fundación Paideia, Grupo Aludec e Aspanaes son as entidades recoñecidas este ano
A presidenta da CEO, Marisol Novoa, entrega o premio de Servizos Sociais a Aspanaes
“Calidade 4.0”. Este é o lema do Día Mundial da Calidade 2019 que se celebra hoxe 7 de novembro e que Expourense conmemora organizando a xa habitual Xornada de Exaltación, na que se fai entrega dos Premios “Líderes en Calidade” a empresas e institucións galegas recoñecidas por ser un modelo a seguir nos seus respectivos sectores e das que destaca o seu compromiso coa Calidade e co Medio Ambiente.
O acto de entrega contou coa presenza de autoridades do Concello (o tenente alcalde Jorge Pumar), Diputación (o vicepresidente Armando Ojea) e Xunta (a delegada Marisol Díaz), e representantes empresariais como a presidenta da CEO, Marisol Novoa.
Esta iniciativa ten como obxectivo sensibilizar tanto a empresas privadas como a entidades públicas da necesidade de incorporar aos seus modelos de xestión as directrices da calidade e do medio ambiente, co fin de prestar servizos eficientes e acadar a satisfacción do cliente. Deste xeito, potenciase a existencia de empresas e administracións competitivas nun escenario globalizado.
IX Premios Líderes en Calidade
Por noveno ano consecutivo, un xurado integrado polo Comité Executivo de Expourense, a entidade de certificación Aenor e a consultora Serviguide, elixiu ás empresas e institucións merecedoras dos premios “Líderes en Calidade” a empresas e entidades galegas. Estas pertencen aos sectores que máis preocupan ao cidadán como son a Alimentación, a Sanidade, a Educación, o Medio Ambiente – Sustentabilidade ou os servizos sociais.
A xornada incluíu unha presentación de cada empresa ou institución distinguida sobre a súa experiencia ao incorporar a calidade e o Medio Ambiente ao seu modelo de xestión. Con esta acción, o Padroado de Expourense pretende contribuír a poñer en valor o esforzo das organizacións que se dotan de sistemas que lles permiten competir mundialmente, independentemente da súa dimensión, e que poden servir de modelo a outras empresas.
As entidades elixidas como “Líderes en Calidade” polo xurado no 2019 son:
- * Sector Alimentación. Cafés Lisboa (Ourense)
- * Sector Sanitario. Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (A Coruña)
- * Internacionalización. Grupo Cuevas (Ourense)
- * Sector Educación. Fundación Paideia (A Coruña)
- * Medioambiente. Grupo Aludec (Pontevedra)
- * Servizos sociais: Aspanaes (A Coruña)



