A Xunta apoia con 5 millóns de euros a dixitalización e transformación industrial de pemes e autónomos

  • Igape e CEO celebraron hoxe unha sesión online para explicar os detalles desta nova convocatoria de axudas
  • Os apoios serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, mentres que para os gastos de consultaría, a intensidade de subvención será do 50%
  • Como novidade, nesta convocatoria introdúcese por primeira vez unha liña específica que atende á dixitalización dos procesos loxísticos, e se favorece tamén a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor
  • A sesión foi convocada por Conecta Ourense, iniciativa da CEO para axudar na tramitación deste tipo de axudas

Ourense, 8 de maio de 2024 || A oficina Conecta Ourense desenvolveu hoxe unha sesión informativa en colaboración coa Xunta e o Igape a raíz da publicación por parte deste último de novas axudas para a dixitalización, destinadas a pemes e autónomos. Trátase dunha liña de apoios para impulsar a transformación industrial e a dixitalización no sector produtivo galego que en conexión online esta mañá explicou Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape. Tamén estiveron presentes as responsables dos hubs galegos de innovación e dixitalización para falar da coordinación, deseño e seguimento dos proxectos máis complexos que se presentan a estes apoios: Eugenia Mijares de Dihgigal e Patricia Fraga de Datalife.

A coordinadora de Conecta Ourense, María Fernández, interveu na presentación do relator e lembrou que esta iniciativa xa facilitou a consecución deste tipo de axudas para máis de cen empresas desde o seu nacemento hai dous anos, cumprindo co obxectivo inicial de ‘fomentar un tecido empresarial máis moderno, innovador, dixitalizado e internacional, que poda competir e consolidarse nos escenarios económicos actuais’, un fin en consonancia tamén co da Xunta neste eido, o de mellorar a competitividade do tecido produtivo e promover unha transformación dixital cada vez máis necesaria. 

Pola súa banda, Eladio Otero comentou os detalles desta nova convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 27 de maio e conta cun investimento de 5 millóns de euros. As axudas serán do 35% dos investimentos para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas. Así mesmo, para os gastos de consultaría, a intensidade da axuda ascenderá ata o 50%. Como novidade, favorécese a implantación de iniciativas que se leven a cabo nun concello emprendedor.

A presente convocatoria  impulsa dous tipos de accións. Dun lado, proxectos colectivos nos que un grupo de empresas abordará, de forma conxunta, a implantación de sistemas dixitais, xa sexa nas súas interaccións ou nos procesos de xestión. Doutro, iniciativas individuais nas que unha peme ou un autónomo poderá promover interfaces dixitais, sistemas de intelixencia artificial, sistemas para a dixitalización, ou sistemas de mellora da función loxística da empresa, no que se configura como outra das principais novidades desta convocatoria. O importe subvencionable mínimo dos proxectos individuais é de 12.000 €, mentres que para os proxectos colectivos é de 10.000 € por participante.

De feito, este apartado loxístico cobre actuacións como a robotización dos procesos, a xeolocalización de cargas ou medios de transporte, a aplicación de vehículos autónomos, a reciclaxe de materiais de envasado, a aplicación da realidade virtual ou aumentada a estes procesos, ou a monitorización da pegada de carbono no transporte e a distribución de mercadorías de cara á súa redución.

Xornadas informativas de maio e Conecta Rural Itinerante

A continua colaboración entre Conecta Ourense da CEO e o Igape dá lugar a un intenso mes de maio no que ademais da sesión de hoxe, está previsto celebrar dúas máis:  outra conexión online o próximo martes 21 para analizar as axudas publicadas hoxe no DOG sobre a implantación de medidas para o avance no cumprimento de criterios Ambientais, Sociais e de Gobernanza (ASG), e ao día seguinte, mércores 22, -esta vez en formato presencial- o taller práctico sobre os servizos á innovación recollidos no programa Re-acciona.

María Fernández aproveitou tamén para avanzar que no mes de xuño, Conecta Ourense porá en marcha o servizo Conecta Rural Itinerante, unha modalidade desta oficina que realizará visitas e asesoramento de proximidade a todas as comarcas ourensás, informando e acompañando in situ ás empresas.