A Deputación en colaboración coa CEO promove en Ourense un centro de referencia para Galicia e o norte de Portugal na formación de actores e actrices

 A preparación de intérpretes, sinalou o presidente provincial Manuel Baltar, «é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional», a través do Festival Internacional de Cine e promocionando a provincia como un gran plató de cine

A Deputación de Ourense en colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense, os talleres intensivos e de calidade, que terán carácter bimensual, están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase nunha das técnicas más prezadas por recoñecidos artistas

A Deputación de Ourense, en colaboración con Laconda Producciones e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), promove un centro de formación para actores e actrices que se converterá «nun punto de referencia en toda Galicia e no norte de Portugal para a preparación de intérpretes, mesmo tamén en Madrid cando a partir de decembro Ourense estea a pouco máis de dúas horas da capital de España coa chegada do AVE». Así o destacou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo de pechar o acordo de cooperación coa actriz e produtora audiovisual ourensá Raquel Menor, que xunto coa presidenta da CEO, Marisol Novóa, visitaron as aulas que cederá a entidade empresarial para o futuro espazo formativo.

A formación actoral, sinalou Manuel Baltar, «é un paso máis na estratexia que vimos desenvolvendo para situar a Ourense como a capital do audiovisual galego, pero tamén como un dos lugares de referencia no sector nacional». O Festival Internacional de Cine, que celebrou en setembro a súa 26 edición, «xa é unha cita plenamente consolidada no calendario de eventos cinematográficos dentro e fóra de España –engadiu Baltar-, como tamén a provincia está a ser elixida como escenario de moitas producións grazas ao esforzo que desde o goberno provincial estamos a facer para transformar o territorio nun gran plató de cine», lembrando que das case 30 producións realizadas na historia do cinema da provincia, a terceira parte delas foron rodadas nos últimos anos.

«A iniciativa que imos poñer en marcha vai ofrecer talleres de formación intensivos e de calidade para todas aquelas persoas que teñan no mundo da interpretación a súa vocación», afirmou pola súa banda Raquel Menor en representación de Laconda Producciones, apuntando que os talleres, que serán de carácter bimensual, «están dirixidos a actores e actrices en formación ou profesionais que desexen adestrase no ámbito artístico a través da técnica de Susan Batson, que sitúa o arduo traballo da interpretación no contexto do teatro e da industria cinematográfica».

O primeiro taller impartirase os días 26, 27 e 28 de novembro nas aulas que a CEO posúe na rúa Alejandro Outeiriño da capital. Centrado na «Creación tridimensional da personaxe», o curso será impartido por Rocío Gómez, que tras diplomarse en interpretación en Nova York e traballar en varias producións coñeceu e estudou con Susan Batson, converténdose na súa colaboradora en todos os cursos desenvolvidos en España.

Todas as persoas interesadas en participar nos talleres poderán formalizar no enderezo electrónico laconda@raquelmenor.com a súa inscrición.