- As convocatorias online de hoxe estiveron centradas en servizos que presta o programa Re-Acciona da Xunta de Galicia
- A receita para o lanzamento dunha empresa innovadora foi a primeira das sesións
- A continuación, a segunda charla abordou a dixitalización e circularidade en procesos de negocio
- Os técnicos expertos de Inovalabs nestas áreas explicaron o xeito de aproveitar estes e outros servizos do programa Re-Acciona
- As seguintes xornadas, o 3 e 10 de xullo, tratarán sobre o movemento B Corp e a Avaliación de Impacto B
Ourense, 2 de xullo 2024 || A iniciativa Conecta Ourense da CEO, que conta co apoio da Xunta, programou un ciclo de xornadas para a primeira quincena de xullo nas que abordará temas de xestión empresarial como a sustentabilidade, innovación e dixitalización. Nas celebradas hoxe, en formato online e no marco dos servizos do programa Re-Acciona da Xunta, os relatores da consultora Inovalabs explicaron os beneficios de participar desta axuda para obter servizos empresariais nestas áreas de xestión. Os expertos e expertas participantes foron introducidos por Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, e María Fernández, responsable da iniciativa Conecta Ourense.
Na primeira sesión da mañá, Natalia Nogueira e Alexandre Casal, interviñeron para explicar a receita do lanzamento dunha empresa innovadora, é dicir, os pasos esenciais para transformar unha idea de emprendemento nunha startup de éxito, centrándose naqueles chanzos que nesta tarefa resultan críticos para desenvolver e lanzar unha empresa emerxente innovadora: a identificación dunha necesidade ou potencialidade; a análise de viabilidade, factibilidade e desexabilidade; o desenvolvemento dun produto ou servizo mínimo viable; a posta en marcha dunha estrutura mínima viable; e, finalmente, a posta en comercialización da solución. A sesión estivo deseñada para estimular a participación e compartir experiencias sobre a creación e o lanzamento de novas empresas, e os relatores empregaron un exemplo práctico para ilustrar cada unha das fases da preparación desta receita de éxito.
Optimizando o futuro: dixitalización e circularidade en procesos de negocio foi o título e tema da segunda sesión da mañá de hoxe, impartida por Inma Caeiro e Eva Gestoso, técnicas de Inovalabs, co obxectivo esta vez de abarcar a mellora significativa dos procesos empresariais, centrados nos ámbitos da optimización, a circularidade e a dixitalización. As relatoras detallaron as claves para que unha empresa consiga ter procesos optimizados e dixitalizados, e conseguir o funcionamento dentro da economía circular. As explicacións foron ilustradas con casos de uso, por exemplo da redución de tempos custos e incidencias dentro da optimización; a redución de residuos, de emisións e consumo de recursos para abordar a circularidade, e axilizar a toma de decisións e incrementar a autonomía das persoas no proceso de dixitalización empresarial.
O programa Re-Acciona
Esta iniciativa da Xunta de Galicia, posta en marcha no 2012, conta para esta convocatoria con máis de 3,2 millóns que suporán a mobilización de máis de 4 millóns. Este investimento ponse en circulación para promover servizos empresariais en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción. Así mesmo, tamén se levan a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.
O programa facilita ás pemes servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, ou a optimización dos procesos de produción. Ademais, na presente edición incorpora apoios a empresas emerxentes innovadoras, análises do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza. En total Re-Acciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial.
As actuacións no marco do Re-Acciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.
Conecta Ourense ten programadas máis xornadas nesta primeira quincena do mes, co fin de achegar ás pemes interesadas aspectos clave do desenvolvemento empresarial como innovación, dixitalización e sustentabilidade. Os próximos 3 e 10 de xullo levaranse a cabo sesións complementarias sobre o movemento B Corp e a Avaliación de Impacto B, mentres que o día 11 de xullo, a última das xornadas centrarase na estratexia de fidelización, captación e xestión de talento.