Conecta Ourense aborda o movemento B Corp e a Avaliación de Impacto B para o tecido empresarial

  • Eduardo Seisdedos , experto en sostibilidade da consultora Cuatrotercios, explicou o  movemento B Corp e a Avaliación de Impacto B
  • Tamén houbo opción para coñecer as axudas do Igape en materia ASG, explicadas por Eladio Otero, subdirector de competitividade empresarial do organismo   
  • As empresas puideron coñecer a ferramenta para avaliar o seu impacto e tamén os negocios que xorden actualmente ao redor da sostibilidade

Ourense, 10 de xullo 2024 || A iniciativa Conecta Ourense da CEO, que conta co apoio da Xunta, levou a cabo unha xornadas para falar da implantación de boas prácticas sostibles nas empresas, así como do movemento B Corp e a ferramenta de avaliación de Impacto B. Con case dúas décadas de existencia este movemento xorde nos Estados Unidos para redefinir o éxito dos negocios, pasando do enfoque exclusivo en rendibilidade económica á creación de valor para empregados, clientes, provedores, a comunidade e, sobre todo, o medio ambiente. Existen ferramentas para medir os impactos empresariais que contribúen ao benestar das persoas e ao coidado do planeta e para coñecelas e utilizalas serviu esta xornada da CEO centrada neste movemento internacional. 

Eduardo Seisdedos, experto en Sostibilidade Estratéxica Empresarial da consultora Cuatrotercios        da consultora, repartiu o contido da sesión enfocando tres obxectivos: coñecer esta certificación B Corp e o seu proceso, facilitar a realización do cuestionario de autoavaliación coa ferramenta BIA (B Impact Assessment) co fin de medir o impacto e identificar áreas de mellora, e compartir tanto boas prácticas como modelos de negocio sostibles. 

Na primeira parte da sesión, Seisdedos falou da certificación como Empresa B Corp, outorgada por B Lab tras a revisión dunha avaliación integral dos seus parámetros de sostibilidade. En primeiro lugar, realízase unha revisión detallada de cada unha das cinco áreas máis relevantes da empresa: goberno, traballadores, clientes, comunidade e medio ambiente. Esta análise ten como obxectivo axudar a identificar todos os posibles puntos de mellora e oportunidades para ser un axente de cambio na economía, protexendo a misión e potenciando o triplo impacto (social, ambiental e económico). Para iso, B Corp conta cunha ferramenta propia chamada Avaliación de Impacto B, que pode usarse como unha guía para avaliar e coñecer o propio estado en que se atopa unha empresa e en que grao cumpre ou non os estándares.  O relator expuxo tamén os contidos e xeito de utilizar esta ferramenta para que as empresas conectadas puideran facer a autoavaliación do impacto social e ambiental das súas actividades. 

Esta ferramenta ofrece tamén a oportunidade de facer as avaliacións de xeito comparativo con outras industrias, de aprender utilizando as mellores prácticas e de ir establecendo metas para mellorar o impacto de forma continua. 

Axudas do Igape para accións ASG

Na segunda parte deste obradoiro interveu tamén Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, quen explicou as axudas ASG nacidas no marco da Estratexia Galega de Economía Circular, e que se desenvolven en concorrencia non competitiva cun orzamento de 1 millón de euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de setembro, e están destinadas a pemes e persoas autónomas que poden presentar proxectos individuais ou colectivos englobados en 18 obxectivos pertencentes aos ámbitos globais, ambientais, sociais ou de gobernanza. Otero tamén lembrou o Programa Re Acciona que o Igape mantén aberto para ofrecer ás pemes servizos de alto co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, ou a optimización dos procesos de produción.
 

A continuación, Eduardo Seisdedos centrou o resto da xornada online na presentación de arquetipos de modelos de negocio sostibles, vinculados con boas prácticas na forma na que a empresa crea e captura valor, a actividade que desenvolve, e como e quen a desenvolve. Explicou que as normas sociais, a gobernanza mundial e o crecemento socioeconómico actual están a impulsar a busca dun futuro sostible a través de empresas que sexan ambientalmente rexenerativas, socialmente xustas e economicamente inclusivas. 
 

Na súa intervención fixo un repaso das empresas e prácticas que hoxe en día están emprazando ao medio ambiente e a sostibilidade no centro ou como obxectivo da súa actividade, e os modelos de negocio que esta dirección pode crear, sobre todo promovendo consumos sostibles, a xeración de mercados de segunda mano; as plataformas que promoven circuítos curtos de distribución achegando os produtores locais aos consumidores finais, as aplicacións para evitar o desperdicio de alimentos, ou as empresas sociais que contribúen tamén coa cota de inclusión.  Seisdedos tamén fixo alusión á enorme capacidade da tecnoloxía asociada á sostibilidade, e aos retos actuais que supoñen  disciplinas como blockchain ou a intelixencia artificial para minimizar os impactos.