Abertas as liñas de axudas para promover a internacionalización das pemes galegas

  • As tres liñas suman un orzamento de algo máis de 9 millóns de euros
  • Trátase de axudas para levar a cabo accións de promoción exterior das empresas galegas e contratar profesionais en internacionalización  
  • Xunta de Galicia, Igape e CEO expuxeron as claves destas axudas nunha xornada híbrida celebrada hoxe e organizada por Conecta Ourense
  • Laura María González-Dopeso, subdirectora de Internacionalización do Igape, foi a encargada de explicar os apoios a pemes e autónomos destas subvencións da Xunta de Galicia

A recente convocatoria de axudas para a internacionalización motivou a celebración dunha xornada online na CEO organizada en colaboración coa Xunta e o Igape no marco de Conecta Ourense para repasar os detalles das liñas Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Dixital e Xestores de Internacionalización.

Jaime Pereira, secretario da CEO, introduciu a xornada e á relatora, Laura González, subdirectora da área Internacional do Igape, que foi a encargada de explicar polo miúdo os aspectos e novidades máis salientables da convocatoria destas axudas, nunha sesión que se desenvolveu en formato presencial na sede da CEO e tamén a través de conexión online.

Na súa intervención, Laura González repasou os puntos salientables destas axudas, destinadas a levar a cabo accións de promoción exterior dirixidas a pemes e autónomos/as. No caso de Galicia Exporta Empresas establécese concorrencia competitiva e o prazo de presentación está aberto ata o 5 de febreiro. Conta cun orzamento de 3.600.000 euros, o gasto subvencionable mínimo é de 3.200 euros e a subvención máxima pode chegar ata 95.000€ por proxecto. Esta liña está orientada a accións de difusión e promoción no estranxeiro, e de prospección en mercados internacionais, ademais de outros conceptos como a xestión de acordos comerciais, certificacións, homologacións e rexistros de marcas e patentes ou gastos administrativos.  

Para o caso de Galicia Exporta Dixital, o prazo de solicitude é algo máis amplo e remata o 4 de marzo, ademais de ser de concorrencia non competitiva e contar cun orzamento superior, de 4.200.000 euros. Os gastos subvencionables deben figurar entre o mínimo de 12.000 e o máximo de cen mil euros. Esta liña, orientada á implantación de solucións dixitais para apoiar a internacionalización empresarial,  inclúe como conceptos subvencionables a consultaría internacional, ademais de aplicacións informáticas para desenvolver, entre outras vantaxes, a xestión de catálogos dixitais, o seguimento e optimización de canles de venta e marketing en liña, a automatización de venta predictiva, ou solucións facilitadoras para operativas de xestión internacional dixital. Esta liña contempla outros conceptos como a creación de catálogos en liña, as aplicacións para o B2B, campañas de posicionamento SEM ou tendas en liña e sistemas de comercio electrónico.

A última das liñas abertas conta con máis tempo para a súa tramitación, concretamente o 9 de xullo remata o prazo para solicitar a contratación de ata dous xestores de internacionalización por empresa. Trátase dunha axuda para a que se destina un orzamento total de 1.300.000 euros e que subvenciona o salario bruto, por conta allea e a tempo completo, de profesionais de comercio exterior, por un período entre 6 e 18 meses. Os candidatos han de cumprir con certos requisitos de titulación na área de comercio internacional, e realizarán as actividades relacionadas polo beneficiario na súa solicitude.

Todas estas accións forman parte da Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores, así como a profesionalización dos departamentos que traballan nestas áreas.

A Confederación Empresarial, entidade que ten en marcha as oficinas de Conecta Ourense na provincia co fin de fomentar o aproveitamento destas e outras liñas de apoios e axudar ás empresas coa súa tramitación, pon estes recursos a disposición dos interesados para consultar todos os detalles destas axudas.